Aula de música Dani Bellón

Aula de música Dani Bellón

24 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

 Chámase así a dependencia adicada ao ensino da música no Instituto de Ensino Secundario de Fene. O dúo Bellón Maceiras actuou no salón de actos do centro educativo e descubriu unha fermosa placa que da nome ao local. O alcalde de Fene Iván Puentes asistiu ao acto. Dani Bellón agradeceu o apoio recibido para a súa carreira musical polo ex alcalde Xosé María Rivera.

Daniel Bellón (nacido en Ferrol o 5 de xaneiro de 1985) sempre amosou un grande interese pola música e dun xeito moi especial pola galega. Posúe un dos curriculums máis importantes do mundo da música tradicional en Galicia, sendo o gaiteiro máis laureado da historia, avalado por máis de 40 premios no seu haber. Na actualidade combina a súa faceta de músico nos proxectos BellónMaceiras (dúo e quinteto),e gaiteiro do prestixioso cuarteto Luvas Verdes coa de mestre de gaita galega. Fórmase no seo da Banda de gaitas Airiños de Fene (1994), á vez que estudia no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. Na banda de gaitas Airiños de Fene chega a desenvolver durante varios anos a faceta de gaiteiro solista ata o ano 2001, que culmina coa gravación do seu primeiro traballo discográfico "Identidade". Con esta formación realiza importantes actuacións como as da inauguración da Expo'98 en Lisboa, os festivais de Segovia e Guernika ou as dúas participacións no Festival Intercéltico de Lorient (1999 e 2001). É membro fundador dos grupos Roquementroque, Venela e tamén participou no cuarteto de gaitas Xaloucos. A partir do ano 2000, comeza a súa traxectoria como gaiteiro solista acadando premios como o 'Constantino Bellón' en 3 ocasións (2001, 2005 e 2006), o 'Gaiteiro de Soutelo' en 4 ocasións (2002, 2004, 2005 e 2006), e o 'Trophée Macallan' (Lorient, Francia, 2003). Participa no curso de perfeccionamento para gaiteiros impartido por Carlos Núñez (Vigo, 2001). No 2003 participa na recreación en directo da banda sonora da película ‘La Casa de la Troya' (Alejandro Pérez Lugín - Manuel Noriega, 1924) en distintas cidades españolas con motivo da súa representación na Filmoteca Española. Neste mesmo ano é nomeado pola corporación municipal do seu concello ‘Gaiteiro Maior de Fene'. 

Cultura