Aumenta a demanda de vacinas da gripe

Non hai problemas de abastecemento para esta campaña
23 de Outubro, 2020 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

Este é un ano de demanda especial da vacina da gripe, algo xustificado por teren insistido as autoridades sanitarias na necesidade extraordinaria de facelo a causa da coincidencia coa Covid19. Con respecto ao ano pasado, aumentou a demanda dos usuarios nun 6%.

ESCOITA O PODCAST:

A campaña da vacina da gripe botou a andar hai uns dias en Galicia e pechará o 31 de decembro. O Xefe do servizo de control de enfermidades transmisibles da Consellería de Sanidade, Xosé Antonio Taboada, recomenda calma á hora de pedir cita para a administración da vacina para así dar prioridade aos colectivos de maior risco. A demanda está a ser moito maior que a do ano pasado, daí que as listas de agarda nas diferentes áreas sanitarias vaian aumentando e se sitúen xa nalgúns casos no mes de espera. Este ano a demanda supera en seis puntos a do ano pasado nestas mesmas datas. Xa se administrou tamén a mais de 5000 sanitarios.

A presa por vacinarse explícase pola situación sanitaria que estamos a vivir, xa que se intúe que a coincidencia da gripe coa Covid19, podería agravar os síntomas. En palabras de Taboada, dispoñemos xa de datos do hemisferio sur, que falan de que esa casuística pode duplicar a mortalidade. “É lóxico que nesta coincidencia a sintomatoloxía sexa máis virulenta”. Asegura Taboada que non hai problema de desabastecemento de vacinas porque a Xunta ten doses suficientes en stok. Outra cousa é que puntualmente podan acabarse as existencias en calquera dos 900 puntos de vacinación, pero serían repostas sen problema.

Adminístranse este ano dous tipos de vacina, obedecendo ao nivel de risco dos distintos grupos. Para os maiores de 65 anos dispénsase unha de maior protección, por tratarse de persoas co sistema inmunitario mais feble. O pico da gripe agárdase para primeiros de xaneiro, segundo as autoridades sanitarias. Non está de mais lembrar que é preciso pedir cita previa en internet ou telefonicamente co centro de saúde correspondente, para así axustar mellor os horarios e evitar aglomeracións nas consultas de enfermería.

 

(Na imaxe recente, entrada ao centro de saúde de Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora