Aurelia non cede

Aurelia non cede

18 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Coruña vive esta mañá outro capítulo do drama dos desafiuzamentos. A protagonista é de novo a muller octoxenaria, Aurelia, veciña da rúa Padre Feijóo da cidade herculina. Ás 10 da mañá Stop Desaucios ten convocada unha concentración diante da vivenda, á que anuncian a sua presencia os parlamentarios, Yolanda Díaz, de AGE e Francisco Jorquera, do BNG.

Aurelia Rey leva 40 dos seus 85 anos vivindo nun piso do número 9 desa rúa pero ten que abandonalo hoxe dia 18. O xulgado fixou para esa data a execución da orde de desafiuzamento, estimando as pretensións dos propietarios, que apelan á débeda dun mes de aluguer. A inquilina, pola súa banda, négao: "Sempre estou pagando vos recibos".
A plataforma coruñesa de Stop Desafiuzamentos considera que este caso non é máis que un intento deliberado por parte dos donos de botar a unha inquilina que paga unha renda antiga, de 126 euros ao mes, para substituíla por outra máis cara. Aurelia dispón do diñeiro necesario para custear a súa vivenda de renda antiga, pero non podería facer fronte a un aluguer actual porque a súa única fonte de ingresos é unha pensión non contributiva. Ademais, vive soa e non ten familia á que recorrer, aínda que desde Stop Desafiuzamentos sinalan que se atopa nun excelente estado de saúde e que se vale perfectamente por si mesma.

 

Sociedade