Australia acepta

Australia acepta
09 de Setembro, 2021 - 12:52 h. | Publicada por Radio Fene

O departamento de Defensa australiano asinou o certificado de aceptación do AAOR Stalwart, segundo dos buques de aprovisionamento que Navantia construíu para a Mariña Australiana. 

A firma tivo lugar xusto dous anos despois da botadura do barco no estaleiro de Ferrol o día 30 de agosto de 2019, e tras superar con éxito as súas probas de mar o pasado día 22. Nestas probas efectuáronse verificacións e demostracións dos Sistemas de Combate, Comunicacións e Navegación, alcanzando en todas elas un alto grao de satisfacción por parte do cliente.segundo informa a empresa pública nun comunicado.

Probas de mar do Stalwart

O Nuship Stalwart partiu de Navantia Ferrol o pasado 20 de maio rumbo a Perth, onde chegou o 21 de xuño conforme á planificación prevista. Durante as seguintes semanas e grazas ao esforzo, compromiso e arduo traballo do persoal desprazado e do que deu soporte en remoto desde España, completáronse as actividades de equipamento e probas do barco, a pesar dos condicionantes asociados ao COVID. Un equipo de 26 persoas pertencentes ás seccións de Programa, Probas e Montaxe do estaleiro de Ferrol estiveron desprazadas en Perth, Australia, para a realización dos traballos de Fit-out e mantementos do buque previos a estas probas de mar.    

A construción deste buque en Navantia xerou 1,5 millóns de horas de traballo sen incluír as derivadas da fabricación e subministración de motores principais, diésel xeradores, reductoras e Sistema Integrado de Control de Plataforma, o que supuxo un importante impulso económico para a comarca de Ferrol e as unidades de negocio de Navantia. A todo iso hai que sumar o apoio ao ciclo de vida do buque por un período de 5 anos.

Coincidindo coa formalización da aceptación do buque, o Departamento de Defensa de Australia e Navantia asinaron ademais unha ampliación do contrato, para a extensión dos servizos de shipkeeping e mantemento do buque até o 27 de setembro. Este acordo dá continuidade á liña de traballo desenvolvida por Navantia durante o proceso de fit-out e está encamiñada a dar soporte durante o proceso de transición previo ao traspaso do buque á Real Mariña Australiana. Dentro desta extensión incluiranse así mesmo servizos de training e familiarización á dotación, o que supón un gran valor engadido para o cliente.

Nesta data, prodúcese tamén o inicio do período de garantía do buque, así como o contrato de support, tarefas ambas que xestionará Navantia Australia, dando continuidade durante o apoio ao ciclo de vida iniciado xa en AAOR1.  

 

Institucional

Publica o teu comentario agora