ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
A de Limodre en Fene é unha das 318 escolas da emigración inventariadas ata 2013. Unha auténtica revolución pedagóxica impulsada desde a emigración a América a finais do século XIX e comezos do XX. O envío de remesas desde a emigración tivo unha grande importancia para a mellora das condicións de vida e para a modernización da economía galega, e tamén propiciou unha maior permeabilidade ás ideas procedentes do exterior. A saída cara a América de milleiros e milleiros de galegos e galegas, moitas veces con carácter definitivo, provocou en numerosos casos un profundo sentimento de compromiso e solidariedade coa súa terra de orixe, non só no plano familiar, mais tamén coa veciñanza.

A Escola de Limodre acolleu a presentación do tráiler do documental “A Escola da Memoria”, unha produción impulsada pola Asociación Veciñal de Limodre coa colaboración do Concello de Fene, e dirixida por Iago Varela. O proxecto enmárcase dentro da programación especial co gallo do centenario da Sociedade “Fillos de Limodre”, entidade histórica que simboliza o espírito asociativo, educativo e solidario que
marcou a identidade da parroquia.
O acto incluíu tamén unha charla-coloquio a cargo de Montse Golias Pérez e Arantxa Fernández Crespo, que baixo o título “As sociedades instrutivas indianas”, afondou no papel das asociacións emigrantes na promoción cultural e educativa de Galiza no primeiro terzo do século XX. A xornada completouse cunha homenaxe ás persoas doadoras que fixeron posíbel a construción da escola.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este documental é unha peza de enorme valor para o legado da parroquia de Limodre, porque recolle as voces e lembranzas do alumnado que pasou pola escola desde 1932 ata o seu peche xa nos anos 2000. É un exercicio de memoria colectiva que permite reconstruír a historia viva dunha comunidade a través das experiencias das súas veciñas e veciños”.
O documental, que recolle entrevistas, imaxes e fragmentos da vida social e educativa de Limodre, foi posíbel grazas á implicación da xunta directiva da A.VV de Limodre, Carlos López e
Olalla Salorio, encargadas das tarefas de documentación e coordinación dos grupos participantes; así como tamén ao esforzo colectivo de persoas que achegaron fotografías,
recordos e obxectos para facelo posíbel.
Sandra Permuy quixo tamén agradecer o traballo na dirección da peza, subliñando que “a súa mirada sensible e respectuosa permitiu transformar as voces da memoria nun patrimonio
audiovisual para as novas xeracións”.
Desde o Concello de Fene avánzase que a presentación do tráiler serviu de antesala para a estrea do documental completo nas próximas semanas, e como homenaxe á forza comunitaria
que fixo posíbel a recollida da historia viva de Limodre no centenario da súa Escola. O acto celebrouse na tarde do sábado 18 de outubro de 2025.
Publica o teu comentario agora