Avance na senda peonil Rilo-Franza

Avance na senda peonil Rilo-Franza
02 de Febreiro, 2021 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

A Xunta de Galicia avanza na execución da senda peonil que discurrirá entre Rilo e Franza, no concello de Mugardos. Xa están convocados os actos expropiatorios o 19 deste mes para os afectados polo trazado da senda.

A Concellaría de Urbanismo dirixida por Juan Domingo de Deus informou da publicación no DOG a pasada semana da convocatoria do levantamento das actas previas fixado para o día 19 de febreiro, e do acto de pago dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación o próximo día 9 de abril, necesarios para a execución da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo. Este proxecto xa en proceso de contratación, conta cun investimento de 500.000 euros, sendo a base de licitación de 466.813,69 € - por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, incluíndo o pago das expropiacións dos 33 predios necesarios para a actuación.

O acto expropiatorio de levantamento de actas previas está fixado para o día 19 de febreiro no pavillón municipal do Cristo, das 10.30 ás 13.30 horas, en Mugardos. Con posterioridade, realizarase a convocatoria de pago dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación. Neste caso os titulares dos terreos están citados o 9 de abril, tamén no Pavillón do Cristo entre as 10.30 e as 13.30 horas. Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por COVID-19.

O alcalde, Juan Domingo de Deus, mostrou a súa satisfacción polo avance deste proxecto administrativamente moi complexo, que confía sexa unha realidade durante este 2021. A presentación de máis de 15 ofertas na fase de licitación dá unha idea do interese polo desenvolvemento desta infraestrutura e da importancia de realizar a tramitación da maneira máis garantista e segura para os titulares dos terreos.

 

(Na imaxe aérea, trazado da senda Rilo-Franza)

Institucional

Publica o teu comentario agora