Avanzamos pero a realidade é teimuda

O poder e o control do home sobre a muller detrás da violencia
25 de Novembro, 2020 - 11:34 h. | Publicada por Radio Fene

Achegámonos hoxe 25N ao Centro de Información e Casa da Muller de Ferrol para falar coa súa directora, Dolores Cervera.

ESCOITA O PODCAST:

Ferrol dispón dun espazo que integra a Casa da Muller e o Centro de información á Muller e que dispón de asesoría psicolóxica e xurídica. O seu obxectivo é atender ás mulleres que precisan axuda, especialmente as que son vítimas de violencia de xénero. A casa ven facer de rede social para as que nalgún momento teñen dificultades para saír adiante. Nese edificio ferrolán traballa a psicóloga Dolores Cervera coa que falamos neste 25 de novembro de 2020 sobre o porqué da violencia contra as mulleres polo mero feito de selo. Explícanos que hai violencia psíquica e física, cuxo extremo é o feminicidio, pero, afirma “ hai moitas formas de violencia exercida sobre as mulleres: estructural, económica, patrimonial e virtual…”As manifestacións da violencia de xénero van mudando en todos os sentidos. Por exemplo, hoxe as vítimas son máis xoves e as agresións máis brutais.

Cervera fuxe dos perfís das vítimas porque explica que todas as mulleres somos vítimas potenciais, Calquera muller pode ser obxecto de violencia en todas as culturas e en todas as clases sociais. A orixe da violencia está no poder e o control que o home  exerce sobre a muller. Os ciumes, os insultos e ameazas son froito dese poder.

Cervera defende a educación en igualdade como un piar básico para facer a deconstrucción. “Por aí hai que empezar, pola educación afectivo-sexual que debera estar no currículo escolar. En relación cos medios de comunicación é partidaria de dar visibilidade ás agresións ás mulleres porque a información é importante para crear conciencia. Na súa experiencia na dirección da Casa da Muller de Ferrol, Dolores Cervera, pode dicir que aparece xente cada dia máis nova e que aumentan as denuncias porque medra a confianza na Xustiza. “Parece que avanzamos, pero a realidade imponse”.

 

(Casa da Muller de Ferrol. Imaxe de galiciaartabradixital.com)

Sociedade

Publica o teu comentario agora