Avaría no sistema de rego

Avaría no sistema de rego
23 de Setembro, 2019 - 11:52 h. | Publicada por Radio Fene

Unha avaría no sistema de rego do campo de fútbol do Pote provoca as protestas dos equipos de Maniños. Segundo a directiva do Cultural Maniños, a avaría xurdiu na zona de tubarias debido á presión da auga cando se rega. O custe da reparación ronda os mil setecentos euros. O secretario do Maniños Alfredo Fernández afirma que levan desde xullo sen poder regar o campo e iso está a provocar queimaduras, bochas e outro tipo de lesións entre os douscentos rapaces que utilizan o campo de fútbol do Pote para adestrar e para xogar.

ESCOITA O PODCAST:

Falan os adestradores de Maniños

http://173.255.131.18/audio/230919CAMPO.mp3

O alcalde de Fene Gumersindo Galego explica a actuación municipal

http://173.255.131.18/audio/230919GALEGO.mp3

O campo do Pote en obras

“O Concello afirma que carece de presuposto para iso” salienta Alfredo Fernández que conclúe: “Estamos desesperados e non sabemos que facer, o día que pase algo todo o mundo o lamentará”. Para o adestrador do Cultural Maniños Pablo Mesa, é un tema de saúde das duascentas persoas que practican deporte alí: "Solucionaríase cunha pequena reparación".
O adestrador do antigo filial -que agora compite co nome do Pote- Manuel Freire indica que o problema agravouse nos últimos quince días. A pesar diso, houbo sorte e non se produciu ningunha lesión grave. A chegada das precipitacións pode aliviar o problema ao mollar o céspede artificial e diminuír o risco de lesións. O Cultural Maniños e O Pote de todos os xeitos, continúan demandando a reparación do sistema de rego.

Vicio oculto

Pola súa banda o alcalde de Fene Gumersindo Galego lembrou que a obra foi recibida polo Concello en abril do 2017. “Aínda que está fora de garantía,o enxeñeiro municipal debe examinar as razóns da avaría e estimar se existe un vicio oculto na realización da obra e de ser así, reclamarase á empresa adxudicataria a subsanación do problema” apunta o primeiro rexedor.

Deportes

Publica o teu comentario agora