Avicultura artesanal e agricultura ecolóxica

Avicultura artesanal e agricultura ecolóxica
09 de Agosto, 2021 - 11:48 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá durante os meses de setembro e outubro catro cursos organizados pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol dirixidos preferentemente a persoas vinculadas ao sector primario ou mocidade que queira emprender na actividade agrogandeira. Os temas que se tratarán son a gandaría de ovino e cabrún, a avicultura artesanal, a agricultura ecolóxica e a micoloxía. Para cada unha destas accións formativas ofértanse 20 prazas gratuítas. As preinscricións deben facerse cubrindo esta folla, que despois se poderá rexistrar no Concello ou ben directamente na oficina dependente de Medio Rural.

A xunta da noite. Actividade do pasado venres en Naraío San Sadurniño.

Iniciación e mellora da gandaría de ovino e cabrún (6 a 10 de setembro,  de 9.00 a 14.00h). A acción formativa sobre a gandaría de ovino e cabrún desenvolverase ao longo de cinco días tocando os principais aspectos dunha actividade  con grandes posibilidades de aproveitamento cárnico e leiteiro, pero tamén como ferramenta de prevención dos incendios.  Este curso é, xunto co de avicultura, o máis extenso en duración e en contido, posto que se tratará practicamente de todo: a situación do sector, as aptitudes para leite ou carne de cada raza, o manexo e a reprodución, sistemas de crianza, instalacións, protección contra ataques do lobo, axudas... etc. O último día do curso, impartido por persoal de OVICA, as participantes achegaranse tamén a unha gandaría profesional. O último día de inscrición é o 26 de agosto.

Introdución á avicultura artesanal (7 a 10 de outubro, de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 18.00h). Outra actividade con moito futuro é a produción avícola de calidade en extensivo baseada en razas como a Galiña de Mos e nun sistema de crianza tradicional. A carne e máis os ovos obtidos desta maneira teñen unha alta demanda no mercado e con prezos superiores, pero para obter unha rendibilidade que compense a súa produción inferior é necesario facer unha plafinicación milimétrica optimizando unha alimentación de calidade, deseñando  instalacións axeitadas e correctamente dimensionadas e mantendo o equilibrio entre o benestar animal e o seu potencial produtivo e reprodutivo. Destas e doutras cuestións falará Xosé María García, propietario dunha granxa artesanal en San Sadurniño. Este curso tamén inclúe unha visita a unha explotación avícola con envasadora de ovos situada en Castro de Ribeiras de Lea. Inscricións até o 14 de setembro.

Iniciación á agricultura ecolóxica (13 a 15 de outubro, de 15.30 a 20.30h). O curso de iniciación á agricultura ecolóxica dará unha visión xeral sobre a actividade en comparación coa agricultura convencional no relativo a técnicas de cultivo, producións por hectárea e calidades obtidas. Tamén se verán procedementos de fertilización e control de pragas e enfermidades. O curso finalizará coa visita a unha horta profesional certificada en ecolóxico. A Oficina Agraria Comarcal encomendoulle o desenvolvemento deste curso ao experto Yann Pouliquen. Haberá que inscribirse o día 14 de setembro como moi tarde.

Iniciación á micoloxía (22 e 23 de outubro, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30h). No caso da micoloxía o obxectivo é iniciar ás persoas participantes nos coñecementos básicos sobre a identificación e recolección de cogomelos de outono, e sobre aqueles que son susceptibles de ser cultivados en condicións controladas. Durante este curso farase unha saída ao monte e tamén se fará un obradoiro de cultivo de pleurotus ostreatus -shiitake ou seta ostra-, unha das máis doadas de producir e tamén unha das que teñen mellor saída no mercado. Ao remate tamén haberá unha demostración e degustación de pratos preparados con setas. O curso impartirao unha das persoas implicadas na asociación agroecolóxica A Estruga. O último día para apuntarse é o 8 de outubro.

No acceso a estes catro cursos terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de San Sadurniño e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Para facer a preinscrición hai que cubrir o correspondente formulario de solicitude -o modelo en distintos formatos pode descargarse algo máis abaixo- e despois rexistralo no Concello ou ben na Oficina Agraria Comarcal, situada no edificio da Xunta en Ferrol (Praza Camilo José Cela S/N, ao carón da Praza de España)

Institucional

Publica o teu comentario agora