A avoa de Fene cumpre 104 anos

A avoa de Fene cumpre 104 anos

06 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ser centenario estase a converter en algo habitual no concello de Fene. Isabel Paredes é unha veterana nisto de cumprir anos por riba dos cen, xa que hoxe é o seu 104º aniversario. O alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de asuntos sociais, Juana Barro, non quixeron deixar pasar a ocasión para felicitala e ter un detalle con ella.

Como xa ven sendo habitual no concello de Fene, o día que un avó do concello con máis de cen anos está de aniversario, a corporación municipal ten un detalle con eles. Neste caso, o alcalde e a concelleira achegáronse ao lugar de As Picas, en Magalofes, para felicitarlle o día a Isabel Paredes, unha veciña desta parroquia "de toda a vida" como ela mesma dí. Agasallárona cun ramo de flores que lle entregou Juana Barro, e unha insignia co escudo do concello, que lle colocou Gumersindo Galego.

Isabel mostrábase sorprendida cos diferentes medios que acudiron á súa casa, non así coa presenza do alcalde, a quen lle une amizade de hai anos, como nos fixo saber, "xa o conocía doutras veces, de vir pola casa".

A pesares de non oír ben, Isabel foi quen de contarnos que era veciña de Magalofes de toda a vida, "nas Picas nacín e nas Picas estou", facendo referencia a este lugar da parroquia. Tamén se lembrou da súa infancia, que pasou traballando dende os 11 anos, e dos seus irmáns, que foi perdendo, algún na súa adolescencia e na xuventude. Houbo lugar tamén para as bromas, coma cando nos fixo saber que era moi boa cociñeira, e que incluso a chamaban, na súa época, dende A Capela para ir cocer o pan e as bizcochadas, xa que ninguén as facía coma ela.

Sociedade