Axudar aos comerciantes

Axudar aos comerciantes
03 de Maio, 2021 - 12:57 h. | Publicada por Radio Fene

Axudar aos comerciantes asentados en Fene a aproveitar as vantaxes do comercio electrónico. Ese é o obxectivo do portal paseaporfene.gal, presentado este mediodía pola concelleira de Promoción Económica Ana Basoa e Manuel Pan de Abertal Networks, a empresa encargada do desenvolvemento do produto. Nun acto de aforo reducido polas restricións sanitarias, vinte comerciantes asistiron presencialmente á Casa do Concello, pero o evento puido tamén seguirse por streaming. A iniciativa permanecer aberta a todo comercio e empresas que queiran achegarse á xente do entorno tamén a través de Internet. Unha vez que se dea ese paso, pode tamén venderse a calquera parte do mundo, segundo precisou esta mañá Manuel Pan.
 

Presentación de Pasea por Fene

Paseaporfene.gal funcionará como unha plataforma multitenda en liña que dea soporte ao comercio local e que sirva de punto de venda na Rede.  Ao mesmo tempo, o proxecto busca reforzar a promoción dos establecementos baixo un mesmo paraugas. Proporcionaralle á clientela potencial unha ferramenta de compra local a través da Internet onde poderá atopar a oferta individualizada de cada un establecementos participantes. Desde a Concellería de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Ana Basoa, agárdase que esta acción sirva para axudar ao tecido local nestes tempos de crise. O confinamento supuxo unha mudanza acelerada dos hábitos e dos medios de compra, máis orientados ao mercado en liña. Un cambio  que, porén, tamén ofrece unha grande oportunidade para o comercio máis próximo. Ese foi o motivo de que o Concello de Fene decidise impulsar esta nova ferramenta tecnolóxica e de comunicación concibida como un lugar polo que se poida dar un paseo virtual á procura de todo tipo de artigos. O concello agarda a incorporación á plataforma do maior número posible de negocios, co obxectivo de que este novo marketplace virtual sexa representativo de toda a oferta, variedade e calidade que Fene xa ofrece de maneira presencial. As estimacións da Concellaría de Promoción Económica apuntan a que as primeiras vendas a través de paseaporfene.gal poidan producirse no mes de xuño. 

Institucional

Publica o teu comentario agora