Axudas provinciais á hostalaría, comercio e cultura

Ferrol beneficiarase xunto a Santiago e A Coruña
04 de Novembro, 2020 - 02:12 h. | Publicada por Radio Fene

A Deputación mobilizará 3 millóns de euros para colaborar nos plans de axudas a pemes e autónomos da Coruña, Santiago e Ferrol. A Deputación e o Concello de Ferrol coordinan unha nova liña de axudas dotada de 2 millóns de euros, dirixida fundamentalmente ao sector da hostalaría, o comercio e as actividades culturais. Este novo investimento súmase aos 12,5 millóns de euros que o PEL-Reactiva inxecta xa nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes.

A Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol están a coordinar unha nova liña de axudas a autónomos que contará cun orzamento de arredor de 2 millóns de euros e que se dirixirá, principalmente, ao sector da hostalaría e o comercio local. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciouno esta mesma mañá despois dunha reunión de traballo que mantivo no Concello de Ferrol co alcalde Ángel Mato. Esta colaboración enmárcase dentro dun plan dirixido ás grandes cidades da provincia para o que o organismo provincial “mobilizará unha partida de 3 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura e suplementar os programas municipais de apoio a autónomos e microempresas da Coruña, Ferrol e Santiago” Esta nova liña de 3 millóns de euros sumarase aos 12,5 millóns do PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses, ten en marcha para apoiar aos pequenos negocios locais afectados pola Covid-19.

Estes días, 88 municipios de menos de 50.000 habitantes están a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír estes fondos, con axudas que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros. “Só temos competencia en concellos de menos de 50.000 habitantes pero a lei nos permite realizar actuacións excepcionais en materia de apoio a cidades e creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai a materializar coa Coruña, con Santiago e con Ferrol”, explicou González Formoso.

No caso de Ferrol, o Concello pretende lanzar nas próximas datas unha nova liña de axudas similar ao PAME dirixida fundamentalmente ao sector da hostalaría, do comercio e das actividades culturais para os que destinará ao redor de 1,2 millóns de euros do seu remanente de tesourería e, coa colaboración da Deputación, preténdese alcanzar os 2 millóns de euros de orzamento. “O primeiro alcalde en chamar para solicitar esa axuda foi Ángel Mato e agardamos que a cantidade que reciba se achegue ao 40 ou 50% do orzamento do plan que pretenden poñer en marcha”, destacou o presidente provincial, que tamén aclarou que “ aínda non se concretou se se sacará como unha liña específica de axudas ou como convenio. Nós queremos empregar a vía máis rápida, que é o convenio para que as axudas cheguen canto antes, pero aínda non está definido”.

Institucional

Publica o teu comentario agora