Balbordo no Parlamento polas pancartas do PP

Balbordo no Parlamento polas pancartas do PP

28 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

As pancartas amosadas pola case totalidade dos deputados do PPdeG co lema 'bring back our girls' durante a lectura dunha declaración institucional causou a polémica entre os grupos da oposición, que fixeron ver o seu malestar por esta acción das bancadas da dereita do hemiciclo. Os parlamentarios censuraron a "utilización partidista" do secuestro das nenas de Nixeria.

   A Cámara galega expresou, nunha declaración institucional --que leva o consenso de todos os grupos-- a súa "máxima repulsa e condena" ante o secuestro por parte do grupo integrista Boko Haram de máis de 200 nenas nun colexio de Nixeria, Esixese a súa "inmediata" liberación así como "manter como prioridade na axenda de todos os gobernos e institucións a protección á infancia, o rexeitamento e erradicación da violencia contra as mulleres".

   Durante a lectura por parte da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, desta declaración institucional, na segunda xornada do pleno, os deputados do PPdeG mostraron en cartolinas a mensaxe 'bring back our girls', salvo dúas excepcións contadas como a do portavoz, Pedro Puy, quen non levantou o cartel co coñecido lema utilizado na campaña na que participaron numerosos personaxes como Michelle Obama.

   A actitude da maioría dos populares provocou críticas entre as bancadas da oposición, un balbordo no que tivo que intervir a presidenta da Cámara.

   Xa durante a súa intervención no comezo dunha interpelación, a socialista María Quintas censurou a utilización partidista dun tema no que todos os grupos amosaran a súa coincidencia. Así, sinalou tamén que poderían exhibir carteis co número de parados, ante o que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato --a interpelada--, replicou na súa quenda que "nun país democrático e con liberdade" todos os parlamentarios poden acudir ao hemiciclo con camisetas de distintas cores ou carteis.   

  "ACCIÓN BRUTAL, CRUEL E SALVAXE"

   O texto lido esta xornada subliña o rexeitamento "de todos os galegos e galegas" a unha acción "brutal, cruel e salvaxe", que constitúe "un verdadeiro crime contra a humanidade, un atentado á liberdade e unha das máis graves violacións dos dereitos humanos de mulleres e nenas que, sendo vítimas directas de violencia, sofren de forma intolerable as consecuencias dunha total falta de respecto pola infancia e a dignidade que corresponde a todo ser humano".

   "Desde a convicción de que ningún home ou muller nin institución podemos permanecer á marxe dunha vulneración de dereitos tan execrable, o Parlamento de Galicia expresa a súa consternación e condena polo secuestro e esixe a súa inmediata liberación", subliña a declaración.

   Así mesmo, destaca que o respecto aos dereitos humanos e, especialmente, nos das mulleres e nenas, "non pode en ningún caso e baixo ningún motivo, ser obxecto de transacción. "o seu salvagarda e as políticas de igualdade deben ser para toda a Comunidade Internacional o obxectivo fundamental", incide.

Sociedade