ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Un banco público de Fene feito reutilizando tapóns de plástico reciclados converteuse en símbolo da inclusión e do traballo conxunto pois é froito da colaboración do Concello con ASPANEPS e o IES de Fene.

O Banco da Diversidade de Fene é un proxecto que xunta inclusión, educación e economía circular. O alumnado do Centro Ocupacional e dos ciclos formativos do IES colaboraron na creación dun banco elaborado a partir de plástico reciclado. A iniciativa terá continuidade o próximo curso coa colaboración do Concello de Fene para promover a educación ambiental nos centros escolares.
O Obradoiro de Precious Plastic de ASPANEPS encargouse da recollida, clasificación e trituración dos tapóns, así como do proceso de extrusión do material reciclado, obtendo finalmente os elementos que conforman o asento e o respaldo do banco. A participación do alumnado dos ciclos formativos do IES de Fene consistiu na fabricación da estrutura metálica e nos traballos de acabado e pintado, traballo que fixeron estudantes do Ciclo Medio de Soldadura e Calderaría e do Ciclo Medio de Electromecánica de Vehículos Automóbiles. O resultado é un elemento urbano funcional, elaborado integramente a partir da colaboración entre entidades educativas e sociais do municipio que serve de exemplo práctico de economía circular e inclusión social.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permui, destacou que “o Banco da Diversidade representa á perfección os valores que queremos impulsar como administración: a inclusión, a colaboración entre entidades, a formación práctica e o respecto polo medio ambiente”. A rexedora subliñou que “é especialmente valioso comprobar como un residuo pode transformarse nun recurso útil grazas ao traballo conxunto de persoas con capacidades e experiencias diversas”.
Publica o teu comentario agora