ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
A histórica Romaría do Pote de Maniños prepárase para a súa gran cita coa música da Banda da Balbina. A tradicional festa laica de Maniños, en Fene, mantén viva unha historia que arrancou no ano 1933. O vindeiro domingo 30 de agosto, o campo da festa acollerá de novo ás familias coas súas merendas e a música en directo como grandes protagonistas.

A parroquia fenesa de Maniños está lista para celebrar unha das súas citas máis queridas e agardadas de todo o ano: a Romaría do Pote. Esta celebración, que destaca en Galicia polo seu singular carácter laico ao non estar dedicada a ningún santo, leva enchendo de vida e ledicia o municipio desde a súa primeira edición o 17 de setembro de 1933.Dentro do programa de actividades deseñado para esta ocasión, un dos momentos máis esperados será o concerto do grupo A Banda da Balbina, que porá a bailar a todos os asistentes o domingo 30 de agosto ás 19:45 horas (as oito menos cuarto da tarde).
O nacemento dunha festa veciñal
Falamos con Javier Rodríguez, presidente da asociación ACRD O Pote, entidade que se encarga de que esta engrenaxe cultural siga a funcionar ano tras ano. Rodríguez recórdanos con orgullo o que supón esta xornada: "Para a viciñanza de Maniños é a festa máis importante de todas as que se poden organizar".O nacemento da romaría está moi ligado á unión e á iniciativa popular. Todo comezou cando un grupo de veciños se propuxo mercar uns terreos no lugar do Pombal coa idea de ter un espazo propio onde celebrar os seus festexos. No ano 1973 viviuse un forte pulo ao reconvertela nun formato máis amplo.O presidente lembra de xeito curioso como xurdiu o nome que hoxe todos coñecen:
"A xente dicía de facer algo para levar á xente ao campo e decidiron empezar cunha merenda. Alguén levou un pote grande para poñer a comida e ese pote chamou tanto a atención que a raíz diso quedoulle o nome de Romaría do Pote".
Un fito que congregaba a miles de persoas
Nas décadas centrais do século pasado, o interese por esta cita era masivo. Javier Rodríguez sinala que existen documentos históricos que testemuñan como "as lanchas que viñan desde Ferrol ata Maniños traían a miles de persoas para a Romaría do Pote naqueles anos", converténdoa nun auténtico fervedoiro de xente chegada desde Pontedeume, Ferrol e outros puntos de toda a comarca.
O relevo xeracional mantén viva a tradición
Aínda que os tempos cambiaron e hoxe en día xa case non se constrúen aquelas tradicionais cabanas de madeira, toxos e xestas que a rapazada levantaba nos arredores do campo da festa, a esencia da romaría segue intacta a través da gastronomía e a unión familiar.Hoxe as merendas fanse un pouco máis pequenas, reunindo habitualmente a grupos de entre 10 e 12 persoas, aínda que algunhas mesas familiares seguen a superar os 30 comensais. "É unha tradición que se segue mantendo porque somos familias completas as que imos todos os anos; veñen os avós, os pais e os netos", conclúe con satisfacción Rodríguez, celebrando que o relevo xeracional estea garantido no Pombal.
Imaxe da romaría do Pote. 2024.
Fotografía Xan Xe
Publica o teu comentario agora