Barallobre no corazón

Barallobre no corazón
12 de Abril, 2023 - 06:23 h. | Publicada por Radio Fene

“Para min Galicia era Barallobre”. Estes días visita Fene para coñecer a terra de seu pai a filla dun ilustre fenés. Marina Cupeiro, a única filla de Bieito Cupeiro Vázquez viaxou a Fene. Chegou o domingo a noite, o luns coñeceu o paseo marítimo que leva o nome de seu pai. Tamén se achegou ao Concello onde se reuniu co alcalde, Juventino Trigo, e falou para Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

“Cumprín un soño, meu e de meu pai”, asegura Marina Cupeiro. “O soño del era volver ver botar un barco, soñaba con Barallobre”. No seu libro “Xornes”, o galeguista lembra lugares e persoas da zona. “Non foi pescador porque tivo dificultades de saúde pola polio que sufriu”, explica Marina. A figura de Bieito Cupeiro é un orgullo para Fene. Naceu en Barallobre en 1914. E o Concello, no mandato do alcalde Xosé María Rivera Arnoso, quixo honralo dando o seu nome ao paseo marítimo que comunica as ribeiras de Barallobre e Maniños. Bieito emigrou á Arxentina en 1936, seguindo os pasos de seu pai. Primeiro no Mar da Prata e despois en Bos Aires (1941). Alí coñeceu a Castelao e ao resto de figuras que mantiveron viva a chama do galeguismo na emigración. “Patriota sen estridencias”, di Adolfo Lozano Bravo sobre Cupeiro. Para Marina, o colectivo de galeguistas na quinta provincia galega eran “unha comunidade, as reunións eran de familia”. “Meu pai falaba galego coa miña nai, que era arxentina, pero filla de galegos. Eu aprendín o himno galego antes que o arxentino”. Cupeiro destacou como educador, transmitiu sempre o amor pola terra, pero non puido exercer oficialmente como mestre porque “non quixo renunciar á cidadanía”. En familia, o ilustre galeguista fenés “se ben era ríxido, fomentou sempre en min que cultivara o meu criterio persoal e o espírito crítico”. Bieito Cupeiro nunca regresou á terra. A súa filla agora, consciente da dor que supuxo a emigración “quixera traer os restos de meu pai a Barallobre”.

Cultura

Publica o teu comentario agora