Barreiro asegura en Vilalba unha defensa dos intereses dos gandeiros

Barreiro asegura en Vilalba unha defensa dos intereses dos gandeiros

11 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A decisiva situación pola que está a atravesar o sector agrogandeiro foi estudado na xuntanza de traballo que mantivo o Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, o pasado venres en Vilalba, con representantes da circunscrición da Terra Chá, conformada polos municipios de Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

O encontro, que se celebrou na sede dos populares da capital chairega, enmárcase dentro dun calendario de traballo establecido pola dirección provincial para pulsar o momento no que se atopa o partido en toda a provincia desde o punto de vista organizativo, de cara á vindeira apertura da campaña electoral dos comicios europeos.

 

Nesta xornada fíxose fincapé en que Bruxelas, ademais dun importante reparto de fondos estruturais, tamén é un espazo no que se adoptan acordos de gran relevancia e transcendencia para sectores produtivos básicos na economía lucense, como pode ser o primario.

Foi o ámbito agrogandeiro o outro elemento clave de debate que se tocou na sede popular vilalbesa. Dada a situación na que se atopan as explotacións gandeiras, especialmente as leiteiras, a opinión final do partido traduciuse na necesidade dunha maior contundencia na defensa dos intereses de Galicia neste sector.

Neste senso, o Presidente provincial, José Ramón Barreiro, lembrou que a situación pola que está a pasar este sector é, en gran parte, “consecuencia da mala xestión realizada polo Goberno central á hora de defender en Bruxelas os intereses do noso país”.

Barreiro, tampouco quixo saír da Terra Chá sen referirse ás graves consecuencias que para toda a comarca e en especial para o concello de Outeiro Rei ten o posible peche da planta de Pascual. O responsable popular, ademais de expresar a súa solidariedade cos traballadores afectados, insistiu en que o Partido Popular “defenderá con contundencia os intereses dos gandeiros” e amosouse “seguro” de que a Xunta de Galicia estará a altura das circunstancias.

Críticas á xestión do PSOE en Pol

O voceiro do PP de Pol, José Luis Fugarolas, lamentou que os veciños do municipio “teñan que pagar as consecuencias da prepotencia do seu alcalde”. Fugarolas estableceu que, segundo un auto da sala número 2 do Xulgado do Social, o concello terá que indemnizar con 30.000 euros a unha traballadora por considerar nulo o seu despido. Un abono que, segundo a sentencia, terá que facerse efectivo nun prazo de quince días.

Os populares lamentan que “pola súa maneira de gobernar” sexan agora os veciños “os que teñan que pagar as consecuencias”, xa que o pago desa indemnización “sairá das arcas municipais”.

Fugarolas advertiu de que esta situación pode repetirse porque o vindeiro día 29 abordarase no xulgado a demanda doutro traballador por despido improcedente. O voceiro popular criticou que o concello “non pagara subvencións á APA ou a outras asociacións alegando que non tiña cartos, pese a que si os ten para organizar festas”, e que “ao final boa parte dos recursos municipais teñan que adicarse a solucionar os entortos dos que soamente é responsable o rexidor local”.

Sociedade