Basilio Losada, tralos pasos de Pedrayo

Basilio Losada, tralos pasos de Pedrayo

27 de Novembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por

Basilio Losada Castro (Láncara, 1930), o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona, é gañador da  XXXV edición do  premio “Otero Pedrayo 2012” concedido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. En edicións anteriores foron obsequiados con este galardón figuras da cultura galega como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego ou Xosé Filgueira

O recoñecemento a Basilio Losada decidiuse no serán do luns, tras a sesión deliberativa do xurado e logo de comunicarlle ao gañador a concesión do galardón. O xurado estivo formado polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia en calidade de presidente, Anxo Lorenzo; o deputado e delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, Mario Outeiro como vicepresidente; e por trece vogais en representación das catro institucións provinciais, a Xunta de Galicia, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

O premio “Otero Pedrayo” ten por obxectivo perpetuar e honrar a memoria do egrexio home das letras e premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega, así como promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora dos seus homes e institucións. Este galardón está dotado con 30.050,60 euros, correspondéndolle á Xunta de Galiza a aportación da metade da contía e o resto ás catro deputacións provinciais.

Cultura