Beatriz Seijo: “Pontevedra préstase con creces para a pintura”

Beatriz Seijo: “Pontevedra préstase con creces para a pintura”

29 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

“Hai tantos recunchos para pintar no casco vello de Pontevedra” manifesta a pintora Beatríz Seijo que ven de gañar un dos dous premios do Certame de Pintura Rápida. Trinta cadros seleccionados entre os sesenta e seis participantes, expóñense ata o venres no Liceo Casino da cidade do Lérez.

No Certame de Pintura Rápida os artistas teñen que realizar a súa obra nun horario marcado en plena rúa. “É unha experiencia moi gratificante polo contacto coa xente que ve cómo traballas e o progreso paulatino da obra” afirma Seijo.

Non é novo este tipo de certames na rúa e coas horas contadas, pero a Seijo e ao conxunto dos participantes a cidade de Pontevedra parécelles o lugar perfecto para esta modalidade. “Os artistas saímos moi contentos da cita e eu volverei o ano que ven ainda que fora de concurso, porque hai unha lei non escrita no mundo das belas artes que impide á persoa gañadora dun certame, presentarse á seguinte edición” manifesta Beatriz, mentras continua a traballar no seu estudo de Santiago de Compostela. “O meu proxecto é pintar, pintar e pintar” conclue.

Sociedade