BellónMaceiras pon escola

BellónMaceiras pon escola

13 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Son todo un exemplo de creatividade musical. Agora a esa faceta unen a de emprendedores empresariais. Contan con todos os ingredientes para preparar un coctel de éxito. O gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras van dar que falar.

Despois de percorrer o mundo como dúo, levando o son da gaita e do acordeón a todo tipo de público sedento de boa música, e logo de iniciar unha andaina moi exitosa en Quinteto, BellónMaceiras pon escola.  Estes músicos virtuosos non atoparon mellor lugar xeográfico ca súa vila natal, Fene, para iniciar este proxecto, impartindo clases de acordeón, gaita, guitarra, percusión, baixo, batería, baile galego, combo instrumental, linguaxe musical e música para a infancia. Para garantir a calidade da ensinanza, Dani Bellón e Diego Maceiras estarán arroupados por mestres da talla de Miguel Lamas, Calixto Albán e Alex Blanco, entre outros.
A escola empeza con este curso e inaugúrase este mércores 15 de setembro.

mércores 15 de setembro - 20h
inauguración da escola BellónMaceiras
rúa Antonia Montero, 11 baixo
15500 Perlío - Fene (A Coruña)
escola@bellonmaceiras.com

Dani Bellón e Diego Maceiras presentarán todos os cursos impartidos e darán os nomes de todo o profesorado que os acompañará nesta nova aventura. Haberá unha sorpresa musical e moitas ganas de empezar unha nova aventura.

Sociedade