ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Banco de Santander obtivo no pasado ano 2015 uns beneficios de 5.966 millóns de euros. A súa cúpula -unhas 24 persoas- contan con salarios que superan os 250.000 euros mensuais de media. A pesar diso pretenden aplicar un expediente de despedimentos colectivo. En Galicia supoñería mandar para a casa a uns 68 traballadores e pechar máis de 40 oficinas.
Unha concentración diante da oficina principal do Banco Santander na Coruña realizouse este mércores en rexeitamento ao ERE extintivo que a entidade pretende aplicar, e que en Galiza afectará a 68 traballadores/as e suporá o peche de 46 oficinas. A CIG reclama a retirada do ERE e a busca de alternativas á supresión de empregos.
A entidade pretende facer efectivo o ERE a través de prexubilacións e despedimentos. En Galiza, aínda que o banco non presentou os datos segregados nin detallou a distribución do impacto, a medida implicará o peche de 46 sucursais e desfacerse de 68 empregados/as.
“A empresa ten intención de executar o expediente no menor tempo posíbel e os prazos van aceleradísimos”, denunciaba durante a concentración o Secretario da Sección Sindical da CIG no Santander, Manuel Valcárcel. O represente sindical engadiu que a intención da dirección é ter listo o período de consultas en 15 días, e por iso estanse a celebrar mesmo tres reunións á semana.
Unha urxencia que a CIG critica, xa que imposibilita estudar en profundidade toda a documentación referente ao ERE.
Horas extraordinarias non declaradas
Neste senso, Valcárcel insistiu en que a CIG non está disposta a asinar o expediente de regulación de emprego, mais tendo en conta que a entidade obtivo uns beneficios durante o pasado ano de 6.000 millóns de euros e que os traballadores e traballadoras realizan ducias de horas extraordinarias non declaradas.
Sobre isto, informou que o pasado 23 de febreiro, logo de presentar demanda na Audiencia Nacional, chegouse a unha conciliación coa empresa para estabelecer un control horario. Porén, censurou, a entidade non efectivizou ese compromiso, limitándose a ofrecer “un papel para asinar as saídas e entradas. Ese non é un sistema nin fiábel nin contemporáneo”.
Valcárcel insistiu en que “de limitárense todas as horas extraordinarias non declaradas, é dicir, en fraude, en Galiza non sobraría nin unha soa persoa”.
Xunto ao ERE, a CIG-Banca denuncia que a entidade inicia tamén un procedemento de mobilidade xeográfica colectiva, que podería supor trasladados forzosos de máis de cen quilómetros para o persoal.
“Unha empresa con eses beneficios non pode recorrer as estas medidas para reestruturar o seu cadro de persoal e destruír milleiros de empregos”, aseverou Valcárcel. A este respecto matizou que nestas circunstancias o ERE sería imposible de se iniciar “se non fose ao abeiro da reforma laboral do PP”.