Betanzos fai un salto no tempo coa Feira Franca Medieval

Betanzos fai un salto no tempo coa Feira Franca Medieval

07 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Este venres 10 de xullo arranca a duodécima edición da Feira Franca Medieval de Betanzos. Esta feira, que data do século XV, serve para reivindicar a historia do concello e tamén para recordar que Betanzos recibe cos brazos abertos a todo aquel que o visite.

Falcoeiros coas súas aves de rapina, cabaleiros, danzas, representacións, xogos e troula serán os ingredientes básicos da duodécima Feira Franco Medieval de Betanzos. Os postos de comida e artesanía espallaranse por todo Betanzos ocupando as rúas San Francisco, Roldán, Santiago e as rúas da pescadería, da travesía e do castro. A Feira tamén se celebrara na Praza da Constitución e na Porta da vila, na que haberá un posto de información. A Feira comeza oficialmente este venres ás 6 da tarde co pasarrúas inaugural dos cómicos, músicos e malabaristas. A esa hora tamén abrirá por primeira vez este ano o mercado artesanal. Ás 9 da noite, lerase o pregón este ano a cargo de Xesús Fraga, xornalista. O sábado ás 7 da tarde terá lugar a actuación do grupo Azougue da Escola Municipal de Folclore de Betanzos. Acto seguido dará comezo a Revolución Irmandiña. Xa na medianoite haberá un espectáculo de pirotecnia, zancudos, lume e Aquelarre da man do grupo “La Recua”. O domingo a xornada comezará cun pasarrúas con músicos, cómicos e malabares ás 12 do mediodía. Na praza dos Irmáns García Naviera ás sete e media haberá un torneo medieval a cabalo e unha exhibición de cabaleiros, tiro con arco e cetraría. Nunha Feira destas características non podía faltar a Santa Compaña, que estará o domingo na Praza da Constitución a partir das dez e media da noite da man do grupo de teatro “La recua”.Os grupos Acibreira, La Recua, Rudesindo da Barrosa, Pecata Minuta, Volta e Dálle, Coté e Home Orquesta serán os encargados de divertir durante toda a fin de semana a todos aqueles que paseen pola rúa.Ás doce da noite do domingo, os fogos de artificio poñerán o punto e final á décimosegunda edición da Feira Franca Medieval de Betanzos.

Sociedade