Betanzos rende tributo ao compositor Carlos López García-Picos

Betanzos rende tributo ao compositor Carlos López García-Picos

26 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Cun concerto a cargo do Grupo Instrumental S.XX dirixido por Florian Vlashi, Betanzos homenaxea este domingo ao compositor Carlos López García-Picos. Trátase da segunda cita do Galicia Classics, para cuxa posta en marcha colaboran a Asociación Galega de Compositores e a Consellería de Cultura. O tributo consistirá na primeira interpretación pública de obras dalgúns dos máis sinalados autores que desenvolven a súa acti

Carlos López García-Picos naceu en Betanzos (A Coruña) en 1922. Foi o seu pai, José Antonio López Picos, quen o iniciou nos estudos musicais e na interpretación do requinto nunha pequena orquestra de seis instrumentos de vento coa que percorría a comarca amenizando as festas. Posteriormente, ingresa na Banda Municipal de Betanzos, circunstancia que coincide co inicio da Guerra Civil durante a que a familia vese na obriga de emigrar a Arxentina. Alí inicia en 1949 a que el mesmo definiu como “segunda etapa da miña vida”. Cara a 1946 faise cargo da dirección da Coral Polifónica Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, posto que desempeñou durante máis de trinta anos. Paralelamente, estuda harmonía co profesor catalán Lorenzo Serrallach e composición co mestro ruso Jacobo Ficher.

En 1956 estrea no Teatro Colón de Bos Aires o ballet La farsa de la búsqueda, que compuxo en colaboración co seu compañeiro de estudos Emilio Terraza. O éxito desta estrea valeulles a obtención dunha bolsa da Embaixada Cultural de Francia en Bos Aires, o que lle permitiu viaxar a París e continuar na capital francesa a súa formación musical. Alí recibiu clases de composición con Tony Aubin e Darius Milhaud e estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección de orquestra con Leon Barzin.

De volta a Bos Aires, en 1964, ocupa varios cargos na Asociación de Xóvenes Compositores da Arxentina e tras varias estreas de pezas de cámara escribe a obra sinfónica Sindy, estreada en 1976 pola Orquestra Filharmónica de Bos Aires e que será elixida para representar a Arxentina nos Encontros de Música Contemporánea da UNESCO. Tamén é destacable a estrea da súa obra Ra-rá pola mesma orquestra e no mesmo escenario.

O 11 de maio de 1984 regresa definitivamente a Galicia, onde entra en contacto con varios compositores galegos cos que funda en 1987 a Asociación Galega de Compositores (AGC), da que foi presidente durante os seus primeiros anos de existencia. Asemade, tamén foi membro da xunta directiva da Confederación Española de Asociacións de Compositores Sinfónicos (CEACS). Durante estes anos, nos que se establece definitivamente na súa localidade natal de Betanzos, desenvolve a súa etapa máis produtiva dende o punto de vista compositivo, actividade que se viu recompensada co feito de ser un dos compositores galegos máis presente nos programas da Orquestra Sinfónica de Galicia, con varias estreas a cargo desta formación. Falece o 23 de decembro de 2009 en Oleiros (A Coruña), deixando no seu catálogo, formado por máis 130 títulos, un amplo número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.

Cultura