Betula promove o voluntariado ambiental

Betula promove o voluntariado ambiental
25 de Setembro, 2025 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico ven de arrancar un proxecto de voluntariado ambiental en colaboración co Grupo Compostela de Universidades. 

ESCOITA O PODCAST:

Este programa  desenvolverase no bosque atlántico do Concello de Monfero, Fragas do Eume e a súa contorna, dende o 23 de setembro ao 7 de outubro de 2025. 

A actividade está organizada polo Grupo Compostela de Universidades, en colaboración especial coas entidades Asociación Betula, EuroEume, Grupo Naturalista Hábitat, Rural-C, o Concello de Monfero e a Universidade de Santiago de Compostela.  

O proxecto incidirá na agroalimentación, no medioambiente e no turismo para acadar obxectivos de transición ecolóxica, cohesión territorial e social, transformación dixital, igualdade de xénero no rural, crecemento poboacional en zonas deprimidas, interacción coa sociedade rural atlántica, e oportunidades de turismo respectuoso e sustentable.

O voluntariado é un exercicio de participación cidadá para, desde o compromiso, a liberdade e a solidariedade, construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Facer voluntariado é por definición contribuír a cumplir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable elaborados por Nacións Unidas, porque implica participar dunha maneira responsable para construír unha sociedade mellor. Así mesmo, os programas de voluntariado teñen como marco de acción o acompañamento e a atención a ámbitos e colectivos vulnerables, que son tamén o foco dos ODS. 

Imos aproveitar esta experiencia de Betula, nesta conversa con Xabier Riveiro e Luísa Montero, presidente e secretaria de Betula respectivamente, para coñecer un pouco máis en que consiste o voluntariado ambiental e a importancia de que todas as xeracións nos impriquemos na defensa do noso medio natural.

Sociedade

Publica o teu comentario agora