A Biblioteca Pública de Xermade programa un encontro coa escritora Ánxeles Ferrer

A Biblioteca Pública de Xermade programa un encontro coa escritora Ánxeles Ferrer

24 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Como parte das actividades que se farán para a celebración do día do libro, o 23 de abril, a Biblioteca Pública de Xermade programou, para o vindeiro mércores 1 de abril, un encontro literario coa autora e ilustradora infantil Ánxeles Ferrer, que ven de publicar o seu libro “Aiko”.

Esta actividade, dirixida a nenos maiores de 6 anos, terá lugar no propio edificio da biblioteca xermadina e consistirá en xogar coas palabras ata elaborar unha pequena historia coa axuda da propia escritora. É necesario inscribirse antes do 29 de marzo na Biblioteca, no teléfono 982 501 055 ou no enderezo electrónico: xermade@rbgalicia.org.

Ánxeles Ferrer é unha escritora e ilustradora ourensana que dedica o seu talento principalmente á literatura infantil e xuvenil. Baixo a súa firma atópanse títulos como A aventura de Xanzolo, Os señores meses (Xerais) -obra preseleccionada para a lista de honra do IBBY, Ola, son a lúa (Everest), que foi traducida ao portugués, O grilo Gastón (Everest), libro que foi escollido pola biblioteca Germán Sanchez Ruiperez entre as mellores dos anos 2003-2004, A pequena árbore (Xerais), Tres princesas namoradas(Galaxia), e Aiko (Everest).

Como Ilustradura cóntanse traballos, entre outros, dos volumes Peter Pan nos xardíns de Kesington (J.M.Barrie, Sotelo Blanco), Rosalía (Fundacion Rosalia de Castro, Helena V. Janeiro) e Carapuchiña vermella (Kalandraka). Realizou as portadas dos n° 13 e 14 da revista Rio do Baixo Miño e o cartel para o Seminario Científico Internacional sobre o Prestige (Consello da Cultura Galega, marzo do 2003), ademais de ser ilustradora invitada na revista Fadamorgana(nº10).

Sociedade