ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
San Sadurniño organiza unha ruta ciclista e unha xornada de surf para as próximas fins de semana E despois de correr, bicicleta e surf. Trala exitosa carreira popular da pasada fin de semana, agora tócalle ao ciclismo. O Concello e o clube Biela e Chaveta organizan para este domingo 15 de xuño a decimoprimeira edición da Roda cicloturista. Un evento aberto a toda a familia que sairá do colexio público ás 11 da mañá para percorrer se
A ruta non é unha competición, senón un encontro de todos os amantes das dúas rodas para gozar dun paseo de lecer por San Sadurniño. É gratuíta e pode participar nela calquera persoa maior de seis anos. Só fai falla cubrir a ficha de inscrición e entregala na casa da Cultura ou o mesmo día da excursión no punto de saída. A inscrición é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.
A roda arrancará o domingo 15 de xuño ás 11 da mañá de diante do colexio público de San Sadurniño. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. Tamén é norma que ningún participante poida abandonar a ruta sen antes comunicarllo á organización. O regulamento entende que as persoas inscritas son responsables desde un punto de vista legal e que participan na roda a título persoal como excursionistas. A liña de chegada tamén estará situada no colexio.
A decimoprimeira edición da Roda Cicloturista en familia está organizada en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, dentro do convenio anual suscrito co Concello para impulsar o deporte das dúas rodas no municipio. Ademais, no evento tamén colaboran firmas comerciais -Transportes A. Fraga, Triscos e Fios, Café-bar Santos, EM Luz e Igaro Bikes-, ademais da Deputación da Coruña.
O 21, surf en Pantín
O Concello proponlle á cativería e mocidade de 12 anos en diante que pasen un sábado enteiro dentro do mar tentando dominar unha táboa de surf. Será o sábado 21 na praia de Pantín na denominada Xornada de surf, coa que se pretende que os nenos, nenas e mocetes entren en contacto con este deporte. O único requisito para participar na proposta é que saiban nadar. O horario da actividade será das 10 ás 14 horas e de 15.45 a 18.30 horas. A inscrición hai que facela na Casa da Cultura e cómpre apurar, xa que só hai 20 prazas dispoñibles que se están cubrindo desde hai días por orde de solicitude. Tamén alí é onde nos darán máis información sobre esta actividade que é gratuíta.