Boimorto nomeará a Luz Casal filla predilecta

Boimorto nomeará a Luz Casal filla predilecta

12 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Luz Casal será nomeada filla predilecta do Concello de Boimorto o vindeiro 16 de maio, ás 13:30 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, no que estará a Corporación en pleno e autoridades e representantes convidados expresamente ao acto. A continuación haberá un xantar-homenaxe na carpa instalada na parroquia de Andabao

O Pleno Municipal de Boimorto (A Coruña) tomou esta decisión o pasado 8 de abril e destaca os seus méritos e calidades profesionais empezando xa a súa carreira dende moi pequena, pero non foi ata aló polos anos 80 cando saltou a escena con “No aguanto más” e con “Rufino”, na que a súa populariedade aumentou, co bolero “No me importa nada” e “Piensa en mi”. Pedro Almodóvar utilizounos para a súa película “Tacones Lejanos”, e traballou poemas como o de Rosalía de Castro “Negra Sombra” co que fixo a banda sonora da película “Mar adentro” de Alejandro Amenabar co que obtivo un Oscar da Academia de Cine de Hollywood.

Participou co gaiteiro Carlos Núñez no disco “A irmandade das estrelas” gravando un tema en galego e fixo dúas cancións para a película “El bosque animado” coas que recibiu un premio Goya da Academia de Cine Española.

Co seu disco “Vida Tóxica” plasmou a pegada dos malos momentos pasados e no seu último  traballo “La Pasión” demostra a súa paixón pola música e pola vida; neste disco aparece a canción “Vengo del norte”, na cal recoñeceu nunha conversación recente que fala da súa vila,natal onde pensa volver nun futuro.

Participa e colabora en fundacións de axuda a nenos do 3º mundo e organiza concertos benéficos contra o cancro.

En 2008 recibiu a Medalla de Ouro ó Mérito nas Bellas Artes en España, en 2009 Francia concedeulle a Medalla das Artes e das Letras e a Grande Médaille de Vermeil da Cidade de París, e o día 13 de abril deste ano recibirá a Chave da Cidade de París.

Cultura