Bota andar en Santiago unha escola para formar cómicos

Bota andar en Santiago unha escola para formar cómicos

01 de Outubro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por

A Escola Internacional da Comicidade, definida polos seus impulsores como un “proxecto pioneiro en Europa no eido do teatro cómico”, iniciou hoxe as clases en Santiago de Compostela. O galego Iván Prado (director do Festiclown) e o murciano Antón Valén (coñecido polo seu traballo de clown no Cirque du Soleil) dirixen esta iniciativa que bota andar con dúas sedes iniciais, Galicia e Canarias, pero que aspira a expandirse internacionalmente.

A Escola Internacional da Comicidade nace con obxectivo de ser “unha oportunidade para todo aquel que queira profundar nos seus coñecementos escénicos cunha formación baseada na experiencia e no estudo das diferentes expresións artísticas que conforman o universo do humor e o riso a través do teatro”. Ademais da Escola Regular, de seis semanas de duración, ofértanse cinco módulos formativos de fin de semana para os que non se require experiencia previa.

Ademais de Iván Prado e Antón Valén, impartirán clases Claudia Contín, especialista en Commedia dell’arte e coñecida por ser a primeira Arlecchino muller; Ferruccio Merissi, experto en Commedia dell’arte e Teatro Oriental; Norman Taylor, especialista na pedagoxía de Jacques Lecoq e un dos referentes do teatro físico; e Myriam Villalobos, responsable do módulo de improvisación da escola. O proxecto contará tamén con Belén Gordillo, especialista en ritmo e bodymusic, e o Mago Teto, que completará o universo cómico dos alumnos co seu módulo de maxia cómica.  

Cultura