Brua o vento nos carballos

Brua o vento nos carballos
30 de Abril, 2021 - 11:19 h. | Publicada por Radio Fene

A propiedade da terra non debe ter presa en asinar contratos para os parques eólicos, afirma o director do Observatorio Eólico de Galicia e profesor da Universidade de Vigo Xabier Simón. A entidade publicou na rede unha guía accesible e útil para fortalecer a posición negociadora das comunidades rurais. Dicía Carvalho Calero no seu poemario O trebo das catro follas: "Polo souto de San Pedro, brúa o vento nos carballos; andan as azas do demo a fostregar nos ramallos".

Muiños de vento na serra da Capelada. Cedeira

 

Hai un impacto paisaxístico pola colocación de 4.000 aeroxeradores, socio-económico pola colocación dos muíños e polo mantemento. Cando non se produciu unha expropiación e se chegou a un acordo, hai unhas rendas anuais para a propiedade do monte. "Estimamos anualmente a permanencia no medio rural un 1,5 ou un 1,6% da facturación bruta dos parques eólicos. Serían 8, 9 ou 10 millóns de euros anuais, aínda que é un dato que cambia ano tras ano" segundo Simón. Os arredor de 4.000 megavatios instalados xeneran unha facturación anual que ronda os 700 millóns de euros.

Entre 2008 e 2018 houbo un parón no desenvolvemento eólico, con moi poucos. Pero no 2019 colocáronse máis parques que nos dez anos anteriores. No que vai de ano, “hai un boom de peticións para espazos nos que non houbera eólicos, pero tamén para zonas onde xa existían”. Hai pouca repercusión na sociedade nas fases iniciais que só chega co estudo de impacto ambiental ou coa tramitación final.

“Encontramos propostas racionais de firmas con responsabilidade social pero tamén intermediarios que buscan a especulación ou empresas sen ningunha traxectoria no sector”. O Observatorio Eólico de Galicia puxo na rede unha guía para afrontar a negociación coas empresas do sector. “Recomendamos entrar en contacto con outros propietarios, afrontar a negociación de xeito conxunto e e non ter ningunha presa por asinar os contratos" apunta Simón que tamén reclama da Xunta de Galicia unha convocatoria específica para incentivar que as comunidades rurais se convertan en promotoras de pequenos parques que puideran aumentar os recursos xenerados e  complementar explotacións gandeiras ou forestais”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora