Bruno Caballero: "Non pensei que me afectara tanto a morte de Maradona"

Caballero: "Non pensei que me afectara tanto a morte de Maradona"
26 de Novembro, 2020 - 11:31 h. | Publicada por Radio Lugo

“Persoalmente non esperaba que a morte de Maradona me afectara tanto” confesa o xogador arxentino Bruno Caballero quen na temporada 2020-2021 milita no equipo da Terceira División galega Racing Vilalbés.  A rapazada lle regalaban unha pelota e todos soñaban en Arxentina con xogar como Diego. Pero as súas circunstancias persoais e de enfermidade eran coñecidas.

ESCOITA O PODCAST:
Bruno Caballero, coa camisola do Racing Vilalbés

Bruno Caballero é natural de Totoras, localidade situada uns trescentos quilómetros ao norte de Bos Aires. Diego ten unha dobre admiración alí, xa que en 1995 acudiu a Totoras a xogar un partido solidario a favor do porteiro do Unión Club, que quedara sen mobilidade nas pernas tras un accidente. Maradona vestiu naquel partido a camisola do Unión Club Totoras e lle dixo ao gardaredes: “Tranquilo, mis piernas son tus piernas”.
Por eses detalles é adorado en Arxentina e en boa parte do mundo a pesar da súa turbulenta vida persoal. “Cando a xente fala dunha figura tan relevante como Maradona, non se da conta da dificultade vital que ten ser Maradona” precisa o psicólogo José Barcia.
“Morreu Maradona e o mundo chora”, titula esta mañá o diario arxentino Clarín.
Maradona converteuse nunha sorte de Deus sucio, o máis humano dos deuses. Iso quizais explica a veneración universal que el conquistou, máis que ningún outro xogador. Un Deus sucio que se nos parece: mullereiro, barballán, borrachón, comellón, irresponsable, mentireiro, bardallas, dicía o escritor uruguaio Eduardo Galeano.
Momento doce
Bruno Caballero atravesa un momento doce na súa carreira deportiva. O pasado domingo marcou un gol que lle deu tres puntos ao seu equipo que xa figura nos postos de arriba do seu grupo na Terceira División. Tampouco se quere subir ao cabalo e dicir que loitarán polo ascenso. O Racing Vilalbés soña con chegar á Segunda B, pero aínda queda moita liga, afirma prudente o xogador sudamericano.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora