Burela celebra as III Xornadas gastronomicas do Ourizo

Burela celebra as III Xornadas gastronomicas do Ourizo

14 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Burela acollerá do 18 ao 20 de marzo as III Xornadas Gastronómicas do Ourizo, que organiza a Concellaría do Mar. Na cita participarán vinte establecementos hostaleiros.

A edil socialista, Remedios López Villar, concelleira do Mar de Burela, manifestou que “coma sempre ofrecerase un tapeo polo pobo, o prezo do ourizo cocido ou cru será de 4 euros a tapa. O resto das degustacións que elabore cada restaurante será ao prezo que poña o seu propietario, segundo valore o traballo empregado para a súa elaboración”. A concelleira do Mar lembra que “nas anteriores edicións púidose degustar de diferentes tipos de formas coma en paté, en croquetas, en empanada, con fabas, en revolto, en arroz, en pementos de piquiño, en filloas…”.
A concelleira do Mar engadiu que “nesta ocasión en Burela sortearase unha estancia dun fin de semana nun balneario para dúas persoas entre todos os comensales que degusten o ourizo nesta nova cita gastronómica”.
Os locais participantes son: Mesón do Poeta, Palacio de Cristal, Mesón Carlos, Mesón Hamilton, Os Remos, Parrillada A Marquesa, Sargo, Trisquel, Pena Orxal, La Bodeguilla, Parrillada de Jandro, A Fazenda, Cervexería Kiko, Casa Miranda-Porto de Burela, Hotel Nordés, O Portelo, Bar da Costa, Churrasquería Abrente, Mesón da Pedra e La Sartén de Carmen.
Remedios López Villar convida “a todo o mundo a que se aproxime a Burela a degustar este magnífico equinodermo”.

Sociedade