Buscandolle aproveitamento ao refugallo

Buscandolle aproveitamento ao refugallo

14 de Decembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O Diccionario da Real Academia Galega define ao refugallo como aquilo que sobra (dunha cousa) ou que non se aproveita. As persoas e organizacións con sensibilidade medio ambiental, levan tempo insistindo na necesidade de buscarlle aproveitamento ao lixo. Ao tempo, redúcense os custes de transporte, tratamento e eliminación dos residuos.

O Concello de Santiago principiou en 2003 unha campaña, en colaboración con ADEGA, para a instalación de composteiros domiciliarios. Nas diversas convocatorias repartíronse máis de 550 composteiros, que daban lugar a unha bonificación na taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, a petición das persoas interesadas. O único requisito dos fogares era ter un pequeno espazo de horta ou xardín. Tamén o Concello de Fene repartiu en 2009 arredor de 50 compsteiros.

 

Estes recipientes, construídos en plástico reciclado e cunha capacidade para 320 litros, son idóneos para tratar a materia orgánica xerada no fogar, que supón o 50% do lixo.  A compostaxe é un método sinxelo de transformar os residuos orgánicos en compost que se incorpora aos solos e mellora a súa estrutura física, as súas propiedades químicas e microbiolóxicas e, xa que logo, a súa fertilidade.

 

En cada unha destas campañas realizábase unha charla coas persoas adxudicatarias para lles explicar o funcionamento do composteiro e se lles entregaba un manual sobre a elaboración do fertilizante. Logo había unha segunda visita aos dous ou tres meses, e outra aos seis meses, cando o abono xa estaba formado e en condicións de ser usado.

O BNG defenderá no vindeiro Pleno do Concello de Santiago de Compostela unha moción de urxencia para abrir unha nova convocatoria da campaña de distribución de composteiros domiciliarios.

Sociedade