A Cámara de Comercio presenta o seu viveiro de empresas en Santiago

A Cámara de Comercio presenta o seu viveiro de empresas en Santiago

18 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Achégase o Día do Emprendedor de Galicia, unha xornada promovida polo Instituto Galego de Promoción Económica e BIC Galicia, en colaboración co Ministerio de Industria. Neste encontro, que se celebrará mañá no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela intervirán dous empresarios que puxeron en marcha os seus negocios no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ferrol.

Talleres, debates, entrevistas, presentacións e exposicións de materiais e ferramentas de apoio. Son algunhas das actividades incluídas no programa deste IV Día do Emprendedor de Galicia, un congreso no que se van dar cita mañá en Compostela emprendedores, expertos, institucións e empresas “para establecer contactos, compartir coñecementos e intercambiar experiencias”. Tamén se trata de achegar aos participantes  fórmulas para descubrir novas oportunidades de negocio, analizar opcións de financiamento e atopar novos mercados.         

Ángel Iglesias, impulsor da firma Enodest, e Alberto Rodríguez, un dos socios da empresa Fruto DS, participan este ano como ponentes nos actos do Día do Emprendedor de Galicia. Falarán sobre a súa experiencia nun taller organizado pola Cámara de Comercio de Ferrol para abordar o papel dos viveiros de empresas como instrumentos de apoio aos emprendedores. Esta mañá en Radiofusión, ámbolos dous empresarios defenderon esta fórmula que no seu día lles permitiu transformar a súa idea en negocio.

Sociedade