Cactos e plantas suculentas

Cactos e plantas suculentas
01 de Agosto, 2026 - 09:09 h. | Publicada por Radio Fene

O Alluaudia, o falso cactos de Madagascar, presenta un pau que parece morto pero ten unha especie de microfollas. É unha das plantas preferidas de Angel Lago, xerente de Cactusyco, unha firma que produce e comercializa cactos e suculentas. “Gústanme as cousas raras” recoñece o impulsor desta iniciativa con invernadoiros no Val en Narón.

Posto de Cactusyco na feira de Cabanas

A feira de Cabanas acolle esta fin de semana —hoxe sábado e mañá domingo— o posto de Cactusyco, un espazo especializado en cactos e plantas suculentas. Estas especies, orixinarias de zonas moi áridas, teñen a capacidade de almacenar auga nos seus talos e follas para sobrevivir á seca. Aínda que no verán precisan regas abundantes, no inverno poden resistir sen problema durante máis de quince días.

Detrás deste proxecto atópanse os invernadoiros de Cactusyco, situados no Val (Narón), onde se cultivan entre 1.000 e 1.100 variedades diferentes. En poucos meses, estas instalacións estarán listas para recibir visitas do público. Ademais, a firma prevé impulsar con forza a súa canle de venda en liña entre os meses de outubro e marzo.

Como curiosidade, dende Cactusyco aclaran a situación da chumbeira: trátase dunha especie invasora no Mediterráneo pero non en Galicia, malia estar incluída na prohibición da lei estatal. Tras a súa cita en Cabanas, a ruta estival de Cactusyco continuará a finais de agosto na praza Roxa de Cedeira e o último sábado do mes en San Sadurniño

Sociedade

Publica o teu comentario agora