Calidade e cantidade

Calidade e cantidade
29 de Abril, 2021 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

A produción escrita de Ricardo Carvalho Calero é de gran calidade e cantidade. O ano 2020 non chegou a nada para lembrar o seu traballo pero tampouco chegaría o 2021. Por exemplo, cando marcha de Ferrol a estudar a Compostela, continua mandando contínuas colaboracións para a prensa ferrolá. Ía ao teatro e enviaba desde alí crónicas teatrais, segundo lembra Aurora Marco, a súa biógrafa que tamén nos falou dun curioso artigo do escritor sobre o Racing de Ferrol. 

ESCOITA O PODCAST:
Aurora Marco en Radio Fene

Carvalho foi un adolescente precoz. Influíu o seu ambiente familiar e as amizades que foi tecendo no Ferrol da década de 1920. Con quince anos tiña relación intelectual con persoas que lle dobraban a idade. Como di el nunha poesía, Cando era a hora do branco xogar, el xa estaba ateigado da ciencia da dor. Aurora Marco foi discípula de Ricardo Carvalho Calero na Universidade de Santiago desde o curso 70-71. O escritor ferrolán axudoulle logo a pór en marcha os estudos de galego na Escola de Maxisterio de Compostela. Acompañouno a bastantes conferencias. Nunha en Neda sobre Rosalía de Castro, Aurora participou no acto recitando a autora de Follas Novas.   Aludía a profesora a algunhas autoras que censuran o papel da muller na obra de Carvalho: "Non se poden utilizar paradigmas actuais para analizar outras épocas". No pasado ano 2020, Edicións Laiovento publicou unha segunda edición corrixida de “Foula e ronsel. Os anos que marcaron a Carvalho Calero 1910- 1941”, un achegamento biográfico imprescindíbel para coñecer a traxectoria vital do autor de Scorpio. No libro (páxina 82) Aurora Marco alude a un curioso artigo xornalístico (2-10-1927) no que Carvalho fala de fútbol e dos afeizoados do Racing de Ferrol. Indica que deben denominarse racingistas ou racinistas, máis nunca racinguistas e aporta sólidas razóns filolóxicas para esa denominación. Coa humildade e ironía que serán constantes na súa vida, confesa a súa ignorancia sobre o deporte e adianta que sabe que os efectos da súa advertencia serán escasos.

 

Fotografía: Xan Xe Corral

Cultura

Publica o teu comentario agora