ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O concello de Negreira localizou un tramo da calzada Per Loca Marítima ou Vía XX, unha das máis importantes vías romanas que, pola costa, recorría a Gallaecia dende a cidade de Bracara Augusta ata Astorga. A alcaldía negreiresa está estudiando a posibilidade de realizar un estudio arqueolóxico para delimitar o trazado desta vía romana pola localidade.
A vía entraría no termo municipal de Negreira dende a veciña parroquia de Viceso (Brión) –que aparece nos documentos medievais co nome de Víae cessum-, cruzando o río Tambre pola xa desaparecida Ponte Pías, na aldea de Pontevedra de Liñaio –Pons vétera ou ponte vella-, e continuaba pola parroquia de Xallas.
O tramo localizado é coñecido como A Calzada ou tamén como Costa da Brea, cuxo topónimo segundo as pesquisas realizadas polo académico Trapero Pardo identifícase case sempre en Galicia con calzada romana. A plataforma, duns cen metros de longo, cruza de Sur a Norte polo centro dunha empinada ladeira, de xeito rectilíneo, características estas das vías romanas e nalgúns lugares parece que conserva parte do seu pavimento.
Segundo Carré Aldao, neste lado do Tambre estaría ubicada, tanto pola distancia como polos vestixios, a mansión ad dúos pontes, situada entre a de Aquis Celenis (Caldas) e Grandimirum (Brandomil), localidade esta na que aínda se conserva a ponte romana e outros importantes vestixios.
As fontes bibliográficas que fan referencia a este tramo coñecido como Costa da Brea son abondosas e dende fai anos estívose intentando a súa localización o que se fixo complicado dada a orografía do lugar e a dificultade do acceso, pero estes impedimentos parece que facilitaron por outra banda, a súa protección de actuacións viarias posteriores que modificaron ou fixeron desaparecer o resto do trazado que en pequenos tramos parece que aínda se conserva noutros lugares do Concello.
En Negreira son abondosos os vestixios romanos, toponímicos como Vilaserio –Villae cessus- camiño da granxa- ou arqueolóxicos, como arcos de pontes ou aras votivas como as atopadas en Logrosa, adicadas a Xúpiter ou os Deuses Manes, que se conservan na actualidade no Museo do Pobo Galego.