Cambio que leva máis clientas a Comasa

Cambio que leva máis clientas a Comasa
30 de Novembro, 2022 - 02:09 h. | Publicada por Radio Fene

O traslado de Comasa ás novas instalacións na estrada da Palma en Maniños, ao local que no seu día ocupou Galerías Otero, foi para ben. “É máis grande, con toda a mercadoría a vista, temos zona de auto servizo, pero atendido porque non queremos perder esa esencia, ampliamos as liñas en pintura, cordoería, fontanería, pero tamén trouxemos menaxe que antes non tiñamos e máis oferta de vestiario laboral”. Coa nova ubicación “houbo un cambio grandísimo” no número de mulleres que van comprar “se antes estabamos nun 95% de homes e 5% de mulleres, agora a relación é de 60-40, veñen moitísimas máis mulleres” declarou a Radio Fene Jorge Permuy, un dos irmáns propietarios da firma.

ESCOITA O PODCAST:

“Moi boa acollida, o local é moi bo e a ubicación excelente, practicamente todos os negocios de Maniños están nesta zona”, sinala, unhas semanas despois do traslado. “Levamos aquí en torno a un mes, o outro local quedábanos pequeno, vimos esta oportunidade e decidimos cambiar, o local ten 2.500 metros e a zona de venda son 500”, sinala. A ferraxaría Comercial Maniños S.A. (Comasa)  é un clásico en Fene “xa fixo 40 anos, meu pai abriuno en 1982, montouno como negocio orientado ás obras e rehabilitación de vivendas, pero co tempo deuse conta de que facía falla unha ferraxaría pola zona, así foi o inicio”. O pai, Antonio, xa xubilado, “está encantado co cambio, aínda que lle dá algo de pena polo local vello, vén practicamente todos os días, pola mañá, pola tarde ou pola mañá e pola tarde”. O consello que nos dá e que continuemos co que aprendemos del. Os irmáns Permuy teñen proxectos para o negocio “algunha idea nova que gardamos para nós de momento porque aínda estamos co cambio”. 

O establecemento abre de 9 a 13.30 horas e de 16 a 20 horas. Sempre esmerándose na atención ao cliente. “Con un sorriso, intentando que se sinta a gusto co trato persoalizado que se lle dá”.É a súa forma de fidelizar a clientela. Comparando coas áreas comerciais a vantaxe é “a proximidade entre o dependente e o cliente, estás a pé da súa casa. En prezo, salvando esas ofertas que eles poden ter como gancho, seguro que calquera dos de Fene estamos mellor”. A confianza coa clientela chega ao punto de que moitos clientes lémbranlles a súa vinculación coas antigas Galerías Otero. “Este local ten uns 50 anos e moitos clientes cóntanos que cando casaron compraran aquí os seus mobles”. Nos últimos tempos “notamos que agora a xente prefire investir un pouco máis en calidade, o que compra barato ao final ten que comprar dúas veces, polo menos. A xente busca un pouquiño máis a calidade para que as cousas lle duren máis, iso si que se nota e, sobre todo, a suba de prezos, que non paran, parece que agora se estabilizou un pouquiño, pero tivemos provedores que fixeron catro subas no ano, nós intentamos non repercutirlle ao cliente pero se non repercutes a primeira tes que acabar facéndoo coa segunda”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora