Camiño a Compostela saímos as peregrinas

Camiño a Compostela saímos as peregrinas
16 de Abril, 2021 - 12:41 h. | Publicada por Radio Fene

"O camiño inglés" é a canción que a rondalla Estrelecer do CMI de Fene ofrece aos concellos por onde pasa o camiño para promocionalo diante do novo Xacobeo.

ESCOITA O PODCAST:

A Rondalla Estrelecer do CMI Unidade de Fene ofrece unha canción súa para promocionar o Camiño inglés a Santiago. A chegada do Xacobeo é o motivo que moveu a Conchi García, unha das voces da rondalla fenesa, a volver sacar á luz esta cantiga e darlle a visibilidade que merece. A letra de “O camiño inglés” é de Matilde Castro, que forma parte tamén da rondalla e é autora de varios temas do repertorio da agrupación. A música compúxoa o director da rondalla Estrelecer, Javier Amado. Conta Matilde que a letra orixinal naceu no ano 1999 cando fixo o camiño coa Asociación de Amas de Casa de Fene. Animárona, como poeta que é, a escribir a crónica da viaxe que deu orixe á canción.

De momento enviaron a proposta co seu correspondente CD aos concellos por onde pasa o camiño inglés, a Neda, Fene, Pontedeume ou Betanzos. Bríndanlle a canción como un elemento máis para promocionar o camiño agora que imos celebrar o Xacobeo. Conchi e Matilde atrevéronse a cantarnos un fragmento de “O camiño inglés” que empeza así:

“ Camiño a Compostela saímos as peregrinas, da antiga vila de Neda, que nos queda de veciña…”

Cóntannos que a rondalla Estrelecer leva un ano en branco a causa da pandemia. Ensaiaron un pouco pero agardan retomar as actuacións no verán se é posible. O CMI Unidade de Fene celebra unha asemblea de socios a vindeira semana e están a preparar a celebración das Letras Galegas coa esperanza de poder facelo. As previsións falan de que o grupo da entidade, o Pérez Parallé, represente a peza “Conversas” o día 14 de maio. O día 15 pretenden presentar o libro gañador do premio Pérez Parallé deste ano. O final viría dado por unha conferencia sobre a homenaxeada nas Letras Galegas de 2021, Xela Arias.

Cultura

Publica o teu comentario agora