Campamentos ecoloxistas en Vilarbó

Campamentos ecoloxistas en Vilarbó

03 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Volven as "Acampadas Intermunicipais na Natureza". A escola de tempo e aire libre Néboa, de Neda, abre o prazo para inscribirse nos campamentos Fortuna e Aventura que se celebrarán ao longo do mes de xullo na área recreativa de Vilarbó, no concello de As Pontes.

"Son campamentos cunha filosofía ecoloxista", asegura María Ruán, directora da Escola de Tempo Libre Néboa. Con esta actividade procúrase que os nenos e xóvenes participantes "tomen contacto coa natureza e aprendan a coidala e respectala, ademais de realizar todo tipo de actividades ao aire libre e de convivir durante uns días en tendas de campaña con outros xóvenes".

Nesta nova edición das "Acampadas Intermunicipais na Natureza establécense dúas quendas. En primeiro lugar, do 5 ao 17 de xullo, celebrarase o campamento Fortuna, dirixido a mozos e mozas de 12 a 17 anos. A partir do 19 de xullo e ate o día 26, collerán o relevo os nenos e nenas de 6 a 11 anos. Námbolos dous casos, o número de prazas dispoñibles ascende a oitenta, establecéndose cuotas de inscripción diferentes para os rapaces que residan en calquera dos concellos colaboradores (Ferrol, Neda, As Pontes, etc) e os de fóra.

Como ven sendo habitual, dende hai máis de quince anos, os campamentos de verán de Néboa realizaranse en Vilarbó, no Concello de As Pontes. Segundo María Ruán, "é un lugar privilexiado por canto permite o contacto directo coas Fragas do Eume·, ademais de estar dotado dunhas "instalacións excelentes para os servizos de comedor, aseos e para a realización dos obradoiros".

Ate comezos do vindeiro mes de xullo permanecerá aberto o prazo de inscripción para esta nova edición das "Acampadas Intermunicipais na Natureza". Facilitan máis información no local de Néboa, ubicado no lugar da Muchiqueira (na estrada da Mourela) ou en calquera dos Concellos colaboradores.  

Sociedade