Cançón das lavandeiras

Cançón das lavandeiras
25 de Marzo, 2021 - 11:25 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos co profesor Martinho Montero sobre os argumentos de Carvalho Calero para optar polo galego- portugués. Razóns científicas e históricas fundamentan a súa defensa dunha única língua.

ESCOITA O PODCAST:

No ano 1930 Ricardo Carvalho Calero xa escribiu en galego-portugués “Cançón das lavandeiras”. O profesor Martinho Montero, biógrafo do ferrolán, explícanos que Carvalho tiña dous fundamentos básicos para defender a unidade lingüística galego-portuguesa. O primeiro tomado da ciencia xeral da romanística onde o galego -portugués aparece como unha unidade, como unha das linguas románicas. O segundo fundamento está baseado na testemuña histórica dos ideólogos do galeguismo, tais como Murguía, Vicente Risco ou Castelao.

“Carvalho sempre usou estes dous argumentos e outros máis sociolóxicos e pragmáticos” afirma Martinho Montero. Preguntámonos porqué non se pasou do campo da teoría á práctica. Montero responde que razóns de tipo histórico e cultural impedírono. “Os galegos tiñan moita desinformación sobre a lingua escrita portuguesa. Non chegaban os libros portugueses aquí”, explica. “Máis ben se formaban coa literatura en castelán”. Os anceios lingüísticos de Carvalho forense demorando e  aprazando á espera de tempos mellores e a que o galego entrase no ensino público. Houbo casos isolados pero poucos.

Afirma Montero que, entre os 40 anos de ditadura e os 400 de tiranía lingüística, foi imposible. “A ditadura interrompeu o proceso, pero xa viña de antes”. As Normas para o galego que aprobou a Real Academia Galega, redactadas por Carvalho Calero en 1971 non virán supoñer grandes innovacións porque tampouco había ensino do galego. So tentaron regular e modificar algunhas cousas. “Quizás o máis avanzado daquelas normas sexa o plural en ais. Foi o máis revolucionario, un elemento claramente reintegracionista”, conclúe o profesor Montero.

 

(Casa natal de Carvalho Calero na rúa San Francisco de Ferrol no ano 1982. Foto de Eduardo Rivas). 

Cultura

Publica o teu comentario agora