Cando se empeza a ser vello?

Cando se empeza a ser vello?
09 de Decembro, 2019 - 10:44 h. | Publicada por Radio Fene

Cando unha persoa é maior? Aos sesenta e cinco, aos setenta e cinco, aos oitenta e un anos? Cando é un ancián? Posiblemente sexa un límite convencional. Debemos ter en conta o incremento da lonxevidade humana á hora de falar de avellentamento. A xente vive máis tempo que nunca, o cal é un indicador de progreso, un triunfo social e individual que debera de invitarnos ao optimismo. Destes e doutros temas fálase no libro “A morte de Galicia”. Conversamos no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión con Miguel Rodriguez, Divina Arnoso, Antía Pérez Caramés, Isidro Dubert.

ESCOITA O PODCAST:
Antía Pérez Caramés e Isidro Dubert

Unha nova onda migratoria de mozos e mozas ben formados que a partir aproximadamente de 2002, encamiñan os seus pasos cara a Alemaña, Suíza, Francia, Reino Unido ou EEUU, segue as mesmas rutas de saída que marcaron os seus avós e pais durante a vaga de 1950 - 1970. Ata 2015 marcharon de Galicia, 380.000 persoas. Ao mesmos tempo, a capacidade de captación de inmigrantes foi moi baixa, aínda nos anos de bonanza económica. En 2007 só arredor do tres por cento da poboación galega é inmigrante, as mesmas porcentaxes que na actualidade. Para o catedrático Isidro Dubert, as políticas de fomento do retorno inmigrante anunciadas pola Xunta de Galicia están destinadas ao fracaso. Primeiro habería que criar as condicións para que a mocidade non teña que emigrar.

Avellentamento

Dende xullo de 2017 o barómetro do CIS é reiterativo, pois sitúa como principal problema da poboación española o desemprego (65%) e moi lonxe temas como a corrupción (31,6%) os políticos (27%) ou a crise económica ((23,4%). No barómetro de outubro, segue sendo o paro o principal problema para o 56% da cidadanía. Non aparece nin o reto demográfico nin o avellentamento.Segundo a socióloga Antía Pérez Caramés -outra das autoras do libro A morte de Galicia, o pensamento neoliberal atopa no declive da poboación e no avellentamento soportes argumentais para construír un discurso demográfico que pasa polos recortes dos dereitos sociais e o fomento da privatización dos servizos públicos. A socioloxía amosa que muller galega quere ter dous fillos. Non os ten por tres causas que teñen que ver coa conciliación da vida familiar e laboral, a corresponsabilidade da parella no coidado da rapazada e o emprego.
Pese a esa evidencia, a demografía “apocalíptica” predica a volta ao vello natalismo nas políticas públicas. É unha maneira de achacar o “atraso económico” á estrutura demográfica.  Fronte a este razonamento, outros teóricos engaden os movementos migratorios como un factor que, ademais do incremento da esperanza de vida e da caída da fecundidade, tamén inflúe no proceso de avellentamento.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora