ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O naufraxio da fragata Santa María Magdalena e do bergantín Palomo na ría de Viveiro na noite do 2 ao 3 de novembro de 1810 supuxo unha das maiores traxedias marítimas en Galicia, cobrando a vida de máis de 550 persoas. Este tráxico suceso impulsou un edicto na Armada española que prohibe taxativamente que familiares de primeiro grao embarquen no mesmo buque para evitar interferencias emocionais no mando. Os restos do pecio expoñense no Museo da Construción Naval de Ferrol. A arqueoloxia submarina en Galicia ten grandes posibilidades para o enxeñeiro de Exponav Raúl Villa.

O naufraxio da Magdalena e do Palomo en 1810 na ría de Viveiro vai moito máis alá das cifras de perdas materiais. Así o destaca Raúl Villa, doutor enxeñeiro naval e membro do padroado de Exponav, quen resalta a fonda carga dramática e simbólica deste episodio, lembrando un dos relatos máis conmovedores da traxedia: o momento no que, durante as tarefas de recuperación, se atoparon os cadáveres do capitán de fragata Blas de Salcedo e do seu fillo —gardamariña do mesmo nome— fundidos nun abrazo.
A traxedia familiar de Salcedo foi devastadora, pois o capitán xa perdera a outro fillo previamente na voadura da fragata Nuestra Señora de las Mercedes e un terceiro falecería máis tarde noutro tráxico accidente. Este compoñente emotivo marcou un fito na historia da Armada e deixou unha pegada imborrable na memoria marítima.
Unha fiestra á construción naval do século XVIII
Hoxe en día, a fragata Magdalena converteuse nun dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos máis importantes da historia naval española. O Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav) dedica un espazo moi destacado ao pecio do buque, que serve como un exemplo extraordinario de como un naufraxio se transforma en fonte de coñecemento histórico. Os traballos de recuperación levados a cabo nas décadas de 1970 e 1980 permitiron rescatar unhas 150 pezas que van desde moedas ata canóns, aínda que parte dos restos seguen mergullados. Elementos singulares expostos como as partes do forro, a roda ou o codaste axudan a comprender as técnicas da construción naval do século XVIII.
Na imaxe, Raúl Villa diante dos restos da fragata Magdalena.
Museo da Construción Naval de Ferrol.
Publica o teu comentario agora