Cariño no mundo

Cariño no mundo
03 de Agosto, 2022 - 12:15 h. | Publicada por Radio Fene

Un puntiño no mapa, unha sona espallada o largo dos paralelos do traballo. O pobo de 4.000 habitantes é coñecido en Smirna, a oriental e bizantina, en todol-os portos da Italia, n´a América, en Ingraterra. Un mariñeiro de Cariño fuma a pipa e bebe o punch nas tabernas fumosas de Rotterdam, alternando con homes loiros de Dromtheim, de Hamburgo, de Talkmouth, de Dieppe, con homes morenos de Lisboa, de Rio Xaneiro, de Alexandría.

Vivenda en Cariño

Cariño dise en ingrés, en vasco, en alemán, en grego, c´a inflexión porteña, c´a céltiga pronunzazón bretona, sin que sexa preciso saber a que provincia ou partido xudicial corresponde. Son vintedous vaporciños e unha banda de veleiros os que dende Cariño ronselan os infindos camiños da mar tremorosa. Sempre que paseo por un porto sinto unha forte sensazón do que non quixera chamar cosmopolitismo, máis n´hai outra verba á mán. Millor un senso d´habitante do praneta. Mais nas cidades detense o cosmopolitismo ben cerca do porto,alí onde chega o paseo provinciano. Eiquí todo o pobo fillo da mar latexa c´o mundo. No tempo da pesca do bonito ouvese falar na praya de Cariño o francés, o vasco, o castelán de Suances, e Santander. Non nas tabernas porque en Cariño non´as hai.

 

OTERO PEDRAYO, RAMON. Pelerinaxes I. 1929. Paxina 222.

(Respectouse a ortografía orixinal do autor)

Cultura

Publica o teu comentario agora