Carlos Fornos: “A froita auténtica sabe a gloria”

Carlos Fornos: “A froita auténtica sabe a gloria”

12 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Recuperar as variedades das árbores froiteras autóctonas da comarca do Eume, Ferrol e Ortegal. Este é o obxectivo da Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume (ASGF) que traballan na conservación das froitas en perigo de extinción. A agrupación, sin ánimo de lucro, botou a andar hai tres anos e desde dous conta cunha horta dunha hectárea con 150 árbores de todas as variedades no concello de San Sadurniño.

O concello de San sadurniño colaborou coa asociación cedéndolle este terreo por 30 anos. Unha horta de conservación na que se poden adquirir inxertos de árbores da zona. Contribúen neste reto a Xunta pero, sobre todo, a Deputación de A Coruña, “que se está a implicar moito neste proxecto”, destacou o presidente da asociación, Carlos Fornos.

Entre as froitas que tentan protexer se atopan os perucos, unha pera pequena axeitada para facer confituras, a mazá de canela ou a pera urraca. Segundo Fornos, nos centros de investigación realizaron cruces destes dous tipos de peras pero o sabor é distinto. “Existe moita diferenza coa auténtica”. Outra das especies que están a protexer é a cerdeira de Ombre, unha zona que pola súa ubicación, dá unha cereixas deliciosas. Unha cereixa que non serve para transportar nin para comercializar pero sí para consumir na zona. Tentouse implantar aquí cereixa do Xerte sen resultado, sinalou, xa que é unha froita que necesita doutro clima. Fornos láiase das plantacións de árbores foráneos que “só trouxeron enfermidades e non teñen sabor. Á xente éntralles pola vista pero só saben a auga”.

A asociación conta tamén cunha horta de ensaio en Doroña no concello de Vilarmaior. Nela analízanse as mesmas variantes con distintos patróns. Ademais desenvolve cursos de formación para ensinar a inxertar entroutras cuestións.

Carlos Fornos ten metido no sangue o seu amor pola froita. “Orfo de pai aos tres anos, miña nai percorría as aldeas para mercar froita que logo vendía en Ferrol. Deste xeito acadaba os cartos para manternos durante todo o ano. A froita deume de comer e por ela dou a vida”, afirmou rotundo.

Sociedade