Carlos G. Reigosa: “O preocupante é traer o presente elementos falsificados”

Carlos G. Reigosa: “O preocupante é traer o presente elementos falsificados”

24 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Un descenso aos infernos da posguerra española cun enfoque sobrio e sen apriorismos do drama dos escapados, centrado na peripecia vital do guerrilleiro berciano Manuel Girón Bazán, que actuou por terras de León e Galicia ata 1951. Así se presentou a tradución ao galego do libro “A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados” do xornalista e escritor lucense Carlos González Reigosa.

O autor indicou que a publicación non só presenta a faceta guerreira de Girón, senón que amosa tamén a máis humana e protectora. Asemade, sinalou como preocupante o feito de que na actualidade se publiquen libros sobre a posguerra española cun sectarismo excesivo e que intentan trasladar á actualidade os feitos de modo utilitario. Segundo el, a historia debe contextualizarse e reflectirse a través dos feitos e non introducir elementos falsificadores.

Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, sinalou que cando se publicou por primeira vez o traballo, apenas había publicacións sobre o maquis galego. Villares cre que naquela época existía en España máis interese polo futuro que pola historia, e que na actualidade está a suceder o contrario.

O libro, que fora galardoado co Premio internacional Rodolfo Walsh de literatura testemuñal en 1996, incorpora nesta edición, un prólogo a cargo do reporteiro bélico Manu Leguineche, ademais dun epílogo no que Reigosa avalía as consecuencias da publicación e nas que introduce correccións e ampliacións de datos.

Sociedade