Carlos Núñez e Óliver Laxe inauguran esta noite o VII Play-Doc

Carlos Núñez e Óliver Laxe inauguran esta noite o VII Play-Doc

30 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O Festival Internacional de Documentais de Tui, o Play-Doc, inaugúrase ás nove desta noite coa película Brasil somos nós, un filme no que o coñecido músico galego Carlos Núñez vai na procura do seu bisavó desaparecido en Brasil, supostamente asasinado por outro músico. Alí descubrirá parte das súas orixes e sentirá os vínculos que o atan á tr

A película de Laxe sitúase entre a ficción e o documental, característica que comparte co protagonista da retrospectiva do Play-Doc deste ano, Marcel Lozinski (primeira que se lle fai en España), e con outros filmes a concurso como The Arbor ou Os espidos de San Petersburgo.

Tamén entra a concurso a curtametraxe do galego Marcos Nine, Manuscritos pompeianos, onde recolle fotografías de pintadas nas paredes tiradas por simple curiosidade en distintas partes do mundo. Nine proba que as mensaxes urbanas, os principais temas que preocupan á humanidade, veñen sendo os mesmos dende Pompeia aos nosos días. Métodos semellantes de recuperación de imaxes atopamos nas obras dos reputados Peter Tscherkassky, con Coming Attractions, ou en The End of The World Begins With One Lie, estrea en España, do mestre do cinema underground Lech Kowalski. Con esta programación, Play-Doc pretende promover o debate sobre as últimas tendencias do documental.

Obradoiros

Ademais, se en algo destaca o Festival Internacional de Documentais de Tui, é polo seu compromiso e apoio aos novos talentos audiovisuais. A través dos seus dous proxectos máis significativos, “O Retrato Filmado” e “Docs in Progress”, Play-Doc desmárcase explorando novas maneiras de formación orientadas ao desenvolvemento de proxectos e centradas nos aspectos máis creativos da produción.

“O Retrato Filmado” reúne, por terceiro ano consecutivo, a varios cineastas chegados desde diversos lugares de España e Latinoamérica para retratar unha serie de habitantes de Tui. O camiño que se iniciou co retrato-encontro, e que se centraba nesa primeira aproximación do cineasta ao seu personaxe e que seguiu co retrato-memoria, que profundaba no seu pasado, continuará agora co retrato-deriva para seguir construíndo a imaxe dese personaxe retratado a través da súa relación coas persoas que o rodean e que comparten a súa vida. Cineastas e personaxes reencóntranse así ano tras ano, convivindo xuntos e explorando os diversos aspectos que constitúen a mirada cinematográfica, xesto fundacional do cinema documental.

O taller daba comezo a pasada semana e prolongarase ata o peche do festival, o domingo, día 3 de abril, no que se poderá ver o resultado a través dunha nova película coral e na que estarán presente tanto os realizadores coma os seus personaxes retratados.

Así mesmo, co seminario “Docs in Progress”, que tivo lugar o pasado decembro en Tui, Play-Doc deu un paso decisivo no seu compromiso ao apoio de novos talentos, apostando claramente por novas vías de formación e produción orientadas ao desenvolvemento de proxectos. Con ambas as iniciativas, dirixidas pola produtora e docente catalá Marta Andreu, coordinadora do prestixioso Máster de Creación Documental da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, Play-Doc quere chamar a atención no circuíto internacional de festivais, non só polo orixinal e novo das propostas senón pola alta calidade dos seus resultados, que en breve se darán a coñecer por todo o mundo e que levarán o selo distintivo de Play-Doc Workshops (os obradoiros de Play-Doc).

 

Cultura