ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A galería do primeiro andar da Casa do Concello converteuse nun novo espazo expositivo e para a cultura. Desde o mes de xuño en que abriu o edificio xa levan pasado por alí tres mostras pictóricas e neste mes de outubro podemos gozar xa da cuarta, a cargo da artista ferrolá Carmen Martín.Na Casa da Cultura continúa ata o día 6 de outubro a exposición "Unha ollada natural" de Calros Silvar.
Carmen Martín está centrada na arte figurativa sen cinguirse a unha única técnica. Pintura, debuxo, gravado, ilustración, murais... sérvenlle para experimentar e explorar novas vías creativas. Carmen pinta sempre fronte á escena que retrata, nunca parte de fotografías. O seu estilo lembra o do expresionismo alemán, aínda que cunha cor máis brillante, realista e viva.
A exposición está composta por unha vintena de cadros nos que se combinan a partes iguais paisaxes rurais e urbanos, de aí que o título da mostra sexa "Cidades e campos". Son auténticos golpes de cromáticos, trazos feitos con forza e con aparente imprecisión que nos evocan paisaxes próximas ou paisaxes nas que quizais nunca estivemos. A mostra pode visitarse de luns a sábado en horario de mañá e estará aberta ata o 27 de outubro.
Calros Silvar ata o 6 na Casa da Cultura
Ademais da exposición de Martín, na Casa da Cultura continúa aberta "Unha ollada natural", a mostra de ilustracións sobre natureza do deseñador e pintor Calros Silvar. Nela hai cadros sobre sobre a biodiversidade de Galicia que reflicten aves, mamíferos, anfibios, cogomelos, plantas e árbores. Pode visitarse ata o 6 de outubro en horario de mañá na Casa da Cultura e está composta por unha escolma de ilustracións realizadas para guías da natureza e outras publicacións por este artista gráfico, considerado un dos mellores do Estado nesta arte.