Carta a Beiras

Carta a Beiras

19 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O BNG propón a ANOVA sumar forzas nunha "Coalición unitaria galega" para as eleccións europeas. Xavier Vence remite unha carta a Beiras para concertar un encontro inmediato e analizar as posibilidades de sumar esforzos a favor de Galiza en Europa.
O BNG salienta que ningunha forza nacionalista das outras nacionalidades, como Euskadi e Catalunya, valoran ir da man dunha forza política estatal.

O BNG está decidido a explorar todas as alternativas posibles para configurar unha coalición unitaria galega nacionalista de esquerdas ás eleccións europeas na que esté integrada Anova, desde o convencemento de que a suma de ambas formacións sería a mellor alternativa para que Galiza consiga ter “unha voz forte en Europa”.

Para pór en comun as propostas de ambas formacións de cara a conformar esa candidatura galega, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, remitiu hoxe unha carta ao portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, para concertar un encontro a maior brevidade posible.

“Coido que temos ampla marxe para, con xenerosidade, acordarnos unha gran coalición galega nacionalista de esquerdas, aberta a outras forzas que permitisen enriquecer e reforzar a representación do noso país e, por suposto, de todos os movementos sociais activos na Galiza”, explica Vence na carta a Beiras.

Nese obxectivo de sumar aliados a unha coalición galega unitaria, Vence salienta que “a candidatura unitaria non debe excluír a ningunha forza política galega que poida compartir as liñas básicas da coalición” liderada por BNG e Anova.

“Con ese fin, e coa mellor disposición para chegarnos a un acordo xeneroso na definición das prioridades para esa representación da nación galega na UE e para contribuír a mudar o seu modelo, propóñoche unha reunión de ambas organizacións (...), para abrir un proceso de diálogo formal co fin de avanzar na conformación dunha coalición unitaria galega nacionalista de esquerdas”, salienta Vence no escrito a Beiras.

Nun momento en que en Europa “está aberto un vivo debate sobre o dereito a decidir e a creación de novos estados, cos casos de Escocia, Flandes, Euskadi ou Catalunya”, explica Vence, “Galiza ten que estar presente directamente, con voz nacionalista”.

Circunscrición única

Unha vez conformada a coalición unitaria galega, e dado que os comicións europeos son de circunsción estatal, o BNG propón un segundo paso, para concorrer con outras forzas nacionalistas de esquerda das outras nacións como Euskadi ou Catalanya. “Pode resultar acaído conformar unha gran coalición coas demais forzas nacionalistas de esquerda da demais nacións sen estado”, salienta.

Finalmente, Vence salienta que “á vista da profunda crise do actual modelo da UE resulta oportuno e urxente avanzar cara a unha Europa dos pobos que recoñeza a todas as nacións sen estado” e pon de manifesto que “ningunha forza nacionalista de esquerdas, vasca ou catalá, -e ningunha forza nacionalista en xeral-, vai ir en coalición con forzas estatais”,  explica Vence, compartindo o mesmo criterio co BNG.

Ademais, das consideracións “de principios políticos”, o portavoz nacional do BNG, tamén considera imprescindible “tomar en conta as posicións das forzas políticas no Parlamento Europeo en asuntos concretos que  afectan a intereses claves e estratéxicos da nosa economía produtiva”.

Xunto coa carta ao portavo nacional de Anova envida por Vence, o BNG tamén fixo chegar o documento aprobado polo Consello Nacional cos criterios para a conformación dunha coalición galegas ás eleccións europeas.

Sociedade