Cartas con peticións

Cartas con peticións
29 de Decembro, 2020 - 08:56 h. | Publicada por Radio Fene

Na Casa do Concello de Fene xa está instalado o Buzón Real no que a rapazada  poden depositar as cartas coas súas peticións de agasallos de cara á festividade de Reis. Ademais, as persoas que desexen asistir á Recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar que terá lugar na Praza do alcalde Ramón Souto o vindeiro martes 5 de xaneiro, poden solicitar praza dende hoxe e até o mércores desta semana, así como o vindeiro luns 4 de xaneiro, en horario 9:00 a 13:30 horas. As reservas poderán realizarse por teléfono (981 340 366), whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (cultura.deportes@fene.gal).

Buzón na Casa do Concello de Fene

A Recepción Real terá lugar o martes 5 de xaneiro a partir das 17.30 horas. Haberá 3 quendas cos seguintes horarios de comezo: Melchor, ás 17:30 h; Gaspar, ás 18:30 h.; e Baltasar, ás 19:30 h. En cada quenda participarán un máximo de 15 unidades familiares (grupos familiares formados por un máximo de 5 persoas: 2 adultas e 3 nenos/as). No momento de efectuar a solicitude deberá indicarse nome e apelidos de todas as persoas que van participar, teléfono de contacto e quenda de preferencia. Non se admitirán solicitudes por outros medios ou fóra dos horarios establecidos.  
O persoal do Departamento de Cultura procederá a asignar as quendas atendendo á orde de recepción das solicitudes. A confirmación da quenda que lle corresponda a cada solicitante farase polo mesmo método polo que se fixo a solicitude. En calquera caso, para poder asistir ao acto, será imprescindible ter confirmación da quenda. Ademais se a demanda de participación supera o aforo previsto, poderán habilitarse novas quendas ás 16:30 e/ou ás 20:30.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora