Carvalho convértese en catedrático

Carvalho convértese en catedrático
29 de Xaneiro, 2021 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

Ricardo Carvalho Calero aproba as oposición á cátedra de Lingua e Literatura Galega en Madrid no ano de 1972.

ESCOITA O PODCAST:

Por fin en 1972 convócase en Madrid a oposición á Cátedra de Lingua e Literatura Galega. Ricardo Carvalho Calero, que continuaba como profesor contratado na Universidade de Santiago de Compostela desde 1965, agardaba por aquela oposición e presentouse. Superouna, e de xeito brillante, como cabía esperar porque, quen sabía máis que el daquela materia? “O xurado desde logo non”, afirma o biógrafo do profesor ferrolán, Martinho Montero.

Como consecuencia de converterse en catedrático, o peso e o papel de Carvalho Calero na Universidade de Santiago mudou. O prestixio xa o tiña, pero o traballo intensificouse. A pesar de que non gustaba da parte administrativa que conlevaba o posto, chegou a ocupar os cargos de decano e vicedecano. “Mesmo houbo quen o propuxo nun momento determinado como candidato a reitor pero el rexeitouno” conta Montero.

Santiago chegou a ser para Ricardo a terceira pata, xunto con Ferrol e Lugo, dunha banqueta vital que o levou a morar nas tres urbes galegas en momentos determinados da súa peripecia vital. Por Santiago acabou tendo un amor especial porque para el era o centro e o símbolo da Cultura galega, mesmo antes de ser capital administrativa de Galiza. Conta Martinho Montero que xa cando estaba preso en Jaén nos anos 30 escribiu poemas sobre a morriña de Santiago.

Cultura

Publica o teu comentario agora